Uns días despois de que o Concello da Rúa presentara a súa programación lúdica e cultural para o mes de agosto, o director de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles, presentaba o novo ciclo de concertos ‘BeiraRúa’, que se desenvolverá tamén durante o mes de agosto, completando a oferta neste concello valdeorrés. Esta iniciativa, organizada por Turismo de Galicia, busca “achegar a música a todos os recunchos da comunidade e dinamizar o turismo de Valdeorras no verán contando con máis dunha decena de artistas”.
Tal como explicou Merelles, trátase dunha “oportunidade para encher a oferta turística do interior de Galicia durante este verán, tendo moi en conta a relevancia que está a ter a provincia de Ourense con máis de 157.000 viaxeiros neste primeiro semestre e un crecemento de máis do 1%”.
Neste sentido, recordou que a Xunta, a través de Turismo de Galicia, está a promover este verán tamén numerosas iniciativas vinculadas coa música ao longo de toda a xeografía galega para dinamizar tamén a oferta turística dos núcleos rurais. “Se o Silfest Valdeorras constituíu xa unha aposta de Turismo de Galicia por Valdeorras, esta intensifícase agora con este ciclo de A Rúa”, sinalou o director de Turismo.
O novo ciclo de concertos está deseñado para ser un evento inclusivo e accesible para todos os públicos, ofrecendo unha programación variada que abrangue diferentes estilos musicais e épocas. “Queremos que todos tanto valdeorreses como visitantes poidan gozar destes concertos e vivir a experiencia única de compartir a música en directo”, afirmou o director de Turismo de Galicia na presentación celebrada no Centro Cultural Avenida, acompañado pola alcaldesa, María González Albert, polo coorganizador de ‘BeiraRúa’, Jorge Álvarez e polo concelleiro do equipo de Goberno, J. Vicente Solarat.
‘BeiraRúa’ dará comezo o 7 de agosto ás 21:30 horas con Camiñantes e Andantes: O Musical dos Peregrinos, que contará coa participación de La Oca Band, Manuel Manquiña, Pepo Suevos e Pili Pampín. O 8 de agosto ás 22 horas será a quenda de O Gran Guateque, un concerto que reunirá a míticas bandas como Los Brincos e Los Limones, contando ademais coa actuación especial de Pablo Abraira. E finalmente, o 31 de agosto ás 18:30 horas, pecharase o ciclo con Ó Son da Estación, onde actuarán Magín Blanco e A Banda das Apertas, Abertal, The Rapants, Grande Amore e Señora DJ.
Fotos e vídeos: O SIL.