Na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras principiará mañá, martes día 23, a vacinación fronte a Covid19 do persoal docente dos centros educativos públicos da provincia, que se prolongará ata este sábado nos tres hospitais do Servizo Galego de Saúde: o Hospital de Valderras, o de Verín e o Hospital Universitario de Ourense.
En total está programada a vacinación esta semana de 3.339 docentes, que comezaron a ser citados hoxe mesmo por medio dunha mensaxe de SMS. A inmunización do persoal de ata 55 anos realizarase coa vacina de Astra Zeneca, e coa de Pfizer á do resto, 685.
A vacinación do persoal docente centralizarase nos tres hospitais públicos de Ourense, comezando no Hospital Universitario de Ourense, área na que se concentra o maior volume, e posteriormente no de Verín, 261 profesionais, e O Barco de Valdeorras, 397. En horario de tarde co obxectivo de reducir ao máximo a alteración no horario lectivo.
Hoxe mesmo xa foron citados vía SMS 1.040 profesores e profesoras de educación infantil, primaria e secundaria, que serán vacinados entre mañá e o mércores no hospital de Ourense. Ao igual que nos maiores de 80, citarase a todos eles indistintamente do seu vínculo co Sergas ou outros servizos sanitarios de carácter privado.
“Coincidindo coa mensaxe difundida polas distintas mútuas laboráis, lembramos de novo a importancia de actualizar os datos de contacto para facilitar a citación”, sinala Sanidade.