Intensa mañá de piragüismo no Encoro de San Martiño. Máis dun cento de piragüistas, dende prebenxamín ata cadete participaban na mañá deste sábado 29 de agosto na 5ª edición da regata provincial (Copa Deputación) celebrada na Rúa.
Organizada pola Federación Galega de Piragüismo e o Club Fluvial Barco coa colaboración do Concello e da Deputación de Ourense, na proba competían deportistas dos seis clubs da provincia: Fluvial Avión, Fluvial Ourense, Fluvial O Barco, Club Náutico Ribeira, Fluvial Allariz e Fluvial Muíños.


Tras as sucesivas carreiras, seguidas por numeroso público dendo o paseo do Aguillón e tamén polos xuíces, cara as 13 horas tiña lugar a entrega de premios á que acudía a Delegada Especial para Valdeorras da Deputación de Ourense, María Carmen González Quintela, ademais de representantes do Concello da Rúa.

Por parte do club anfitrión, o Fluvial Barco, competían 17 deportistas nas diferentes categorías, logrando cinco podios. Mauro Rodríguez (benxamín A) e Manuel Mariño (alevín A) eran terceiros; mentres que Martina Rodríguez (alevín A), Lucía Rodríguez (infantil B) e Brais Rodríguez (infantil A) lograban o segundo posto nas súas respectivas categorías. Por clubs clasificábase no 4º posto.

Clasificación general por clubes:
1º – Piragüismo Ourense
2º – Fluvial Avión-Castrelo de Miño
3º – Náutico Ribeiro
4º – Fluvial O Barco
5º – Fluvial Allariz
6º – S. C.D.X Fontefría (Muiños)

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.