PolíticaÚltima hora

Manuel Baltar, na Interparlamentaria do PPdeG en Santiago

Participaba na mesa titulada “As deputacións como actores do desenvolvemento de Galicia”,

 

“O PP é o único partido que pode facer gala da súa coherencia ao defender, desde sempre e sen ambaxes, unha administración tan básica para o territorio como son as deputacións”. Aegurábao o presidente dos populares ourensáns, Manuel Baltar, durante a súa intervención hoxe na Interparlamentaria celebrada polo PPdeG na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.

Manuel Baltar participou na mesa titulada “As deputacións como actores do desenvolvemento de Galicia”, na que tamén interviñeron Pepa Pardo, concelleira en Pontevedra e deputada provincial, e Marta Aneiros, portavoz adxunta do grupo popular no Concello de Ferrol, ademais do moderador, Javier Castiñeira, portavoz popular na Deputación de Lugo e concelleiro en Foz.

O propio moderador subliñou a condición de Manuel Baltar como presidente de Asociación Europea de Gobernos Provinciais Intermedios, Partenalia, e “a súa inestimable condición de valedor das deputacións”, un cualificativo que agradeceu o presidente do PP de Ourense e da Deputación destacando que “cómpre moita pedagoxía para explicar o papel dos gobernos provinciais, que existen en toda Europa agás en Portugal”.

Neste ano, engadiu, “imos cumprir o bicentenario da nosa existencia e con saúde ferro, aínda que sempre hai que quere suprimir estas institucións cando non ostentan o seu poder, o que quere dicir que o resto de formacións o que realmente queren e suprimir aos presidentes do PP, de aí a súa incoherencia”.

“O mundo local existe”, defendeu Manuel Baltar, “e as provincias teñen un goberno de seu que son as deputacións, cun mapa competencial moitas veces superado con outras actuacións que aínda sen ser da nosa competencia, si son da nosa incumbencia, como sucedeu durante a pandemia”, facendo neste punto unha nova chamada á importancia da revisión do financiamento local.

Os gobernos provinciais, dixo, “son os máis próximos aos concellos e ao territorio”, lembrando as palabras do presidente de Estremadura, Fernández Vara, ao dicir que “cando un veciño ten un problema acode ao alcalde, e cando un alcalde ten un problema acode ao presidente da deputación”.

 

 

Cinco eixos que definen o goberno provincial de Ourense

Manuel Baltar subliñou que o Partido Popular de Ourense é a única formación en España que presenta un candidato coñecido á presidencia da Deputación e un programa específico de goberno, “o plan 72-73, en referencia aos quilómetros cadrados de superficie da provincia, que inclúe 142 medidas con día, mes e ano de realización, o que dá mostra do noso nivel de autoesixencia”. Unha planificación que mesmo xa ten nome para un próximo mandato, “o plan 21-27, que se refire á altitude do pico máis alto de Galicia, Pena Trevinca, para ter a maior e mellor perspectiva da provincia”.

Esta planificación, explicou, constitúe un dos cinco eixos que definen o goberno provincial de Ourense, “o que xunto coa previsión nos permitiu alcanzar, por exemplo, a débeda cero ou aprobar no mes de setembro, antes que calquera administración pública de España, os orzamentos do seguinte ano”.

E aseguraba que a transparencia é outra das liñas estratéxicas, “sendo a Deputación de Ourense a que lidera o ránking entre as institucións provinciais españolas”, así como tamén o talante institucional “onde a cooperación e colaboración entre administracións públicas é básica para nós”.

Concluíu Manuel Baltar destacando, como quinta característica, a imaxinación “aproveitando os nosos recursos para poñer en marcha innovadores plans e programas que, por exemplo, vannos permitir aproveitar a vantaxe competitiva que supón a chegada do AVE, ou proxectando a transformación do Pazo Provincial no hotel balneario de referencia en Europa, ou sendo unha das catro provincias de España que conta cun proxecto de destino turístico intelixente”.

Na Interparlamentaria celebrada na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, coa presenza do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, participaron os representantes populares das catro provincias galegas nas Cortes Xerais, o Parlamento de Galicia e as deputacións, para falar de temas como o modelo económico do país, o Xacobeo, sectores produtivos como o campo e o mar, ou a sustentabilidade do territorio e a industrialización.

Artigos relacionados

Back to top button