PolíticaÚltima hora

Manuel Baltar renova como presidente do PP de Ourense

A súa candidatura resultaba elixida co respaldo do 95,6% dos votos no congreso provincial celebrado no Paco Paz

balt1

Con palabras referidas a “Ourense en maiúsculas” comezaba Manuel Baltar o seu terceiro mandado ao fronte do PP de Ourense. A súa candidatura obtiña o 95,66% dos votos emitidos polos 889 compromisarios que participaban no XVII congreso provincial desta formación política, que se celebraba na mañá do 5 de marzo no Pazo dos Deportes “Paco Paz” de Ourense.

Baltar referíase ao “Ourense da planificación, do camiño conxunto, da política real e ao Ourense de vangarda”, un Ourense que “non é unha illa, que vive e respira tendo en conta o contexto internacional e que ten criterio propio ante os acontecementos, porque desde aquí conseguimos innovar e poñer en valor o noso proxecto de “provincia intelixente” no que estamos a traballar para gañar o futuro”.

Asemade aludía aos logros do PP nesta provincia, resaltando que este partido estivo sempre en todas as convocatorias electorais entre os 5 mellores resultados porcentuais das 52 circunscricións electorais de España. Baltar pedíalle tamén ao presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez, presente na clausura deste congreso provincial, que Ourense sexa sede do vindeiro congreso autonómico do PPdeG.

balt2

Pola súa banda, Feijóo, quen tamén tomaba a palabra na clausura, comezaba felicitando a Manuel Baltar non só por revalidar a presidencia dos populares ourensáns, senón tamén “por presidir un partido gañador e moi activo”. E anunciaba que o vindeiro congreso autonómico da formación será na cidade de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button