OurenseÚltima hora

Manuel Buciños: “É un honor grandísimo que non vou esquecer na vida”

O escultor vén de recibir o título de Fillo Adoptivo da provincia “para que Ourense siga desfrutando e presumindo dun creador excepcional”, en palabras de Manuel Baltar

 

No transcurso dun solemne acto celebrado no mediodía do mércores 21 de setembro, o escultor Manuel Buciños recibiu hoxe o título de Fillo Adoptivo da provincia “para que Ourense siga desfrutando e presumindo dun creador excepcional, dun dos grandes bos e xenerosos”, en palabras do presidente da Deputación, Manuel Baltar.

A homenaxe celebrouse no salón de plenos do Pazo Provincial, que congregou, xunto cos seus fillos e amigos, a unha ampla representación do mundo da cultura ourensá, ademais de representantes institucionais entre os que se atopaban o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; parlamentarios autonómicos; e deputadas e deputados de todos os grupos políticos presentes na corporación provincial.

“Honrar honra”, afirmou Manuel Baltar no seu discurso destacando así o recoñecemento que a provincia de Ourense brinda “a un dos seus grandes artistas como fillo, máis que adoptivo, fillo de nación”. O presidente da Deputación trazou un retrato do artista tomando prestadas as palabras do escritor ourensán Carlos Casares, que trala chegada de Buciños desde Madrid, onde rematara os seus estudos de Belas Artes, definiu ao escultor como “un rapaz delgado, de nariz contundente e ollos grandes, e que actuaba coa sinxela sabiduría dun labrego”.

 

 

Para Manuel Baltar, a verdadeira honra por este título é para “as mulleres e homes ourensáns de todas as xeracións, tamén do futuro”, que poden gozar da obra dun artista que, segundo as palabras doutro insigne home das letras ourensás, Eduardo Blanco-Amor, “converteuse, con esforzo e talento, nun escultor dos máis sensibles, finos e destacados”. Precisamente Blanco-Amor foi a persoa que lle convenceu para que adoptase como nome artístico o topónimo da súa aldea luguesa: Buciños.

Moi emocionado, Manuel Buciños cualificou a entrega do título de Fillo Adoptivo da provincia como “un honor grandísimo que non vou esquecer na vida”, ademais de sinalar que este acto “é un momento moi especial pola xente reunida aquí, pola familia e polos compañeiros da alma”. O escultor fixo extensivo este recoñecemento á Deputación “por todo o que lle debo e o moito respecto e cariño co que me trataron sempre”.

A laudatio correu a cargo do director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Pablo Sánchez, que definiu este acto como “o recoñecemento institucional a un gran artista galego, cuxos méritos abondan para consideralo un fito esencial da nosa rica historia artística”. Buciños, dixo, creou un estilo persoal e inconfundible “a través dunha sólida formación e as súas viaxes para coñecer as grandes obras clásicas e modernas, converténdose nun artista innovador na arte galega”. Engadiu Pablo Sánchez que a familia é un dos piares da súa vida “e consecuentemente da súa escultura, que se evidencia nunha escultura de emocións e afectos”.

 

Manuel Buciños.

 

Manuel García de Buciños Vázquez naceu en Buciños, no concello lugués de Carballedo en 1938. As ferramentas do taller de carpintería do seu pai foron os seus primeiros xoguetes, demostrando xa a súa sorprendente habilidade para traballar cos desperdicios da madeira. Aos dez anos trasládase a Ourense para cursar o bacharelato, estudando despois Belas Artes en Madrid para formarse como escultor.

Na súa abondosa escultura pública tamén destacan en Ourense o monumento a Ramón Otero Pedrayo na praza do Correxidor; a Blanco-Amor na praza do Bispo Cesáreo; ou a Castelao na praza da Imprenta. Na provincia figuran a escultura do Beato Sebastián Aparicio na Gudiña ou San Rosendo en Celanova.

Artigos relacionados

Back to top button