PolíticaÚltima hora

Manuel Cabezas presenta os avais á súa candidatura para presidir o PP da cidade de Ourense

É o único afiliado que entregou os avais para liderar o PP da cidade antes do peche do prazo

Manuel Cabezas presentando os avais.

 

Manuel Cabezas presentaba, na tarde deste luns 11 de xullo na sede do PP de Ourense, os avais á súa candidatura á presidencia da agrupación local do partido na cidade.

Unha vez dado este paso, o precandidato expresou o seu agradecemento “ás bases, por expresar o seu desexo de que asuma a dirección do partido a nivel local”, ademais da os “nove presidentes de distrito por trasladar na súa reunión do pasado 4 de xullo esta postura colectiva, firmemente constatada ao recibir o apoio da militancia para avalar a miña candidatura”.

“Hoxe presento a miña candidatura para volver liderar o PP da cidade. Acepto este reto, e así llo trasladei aos presidentes de distrito na reunión que tivemos esta tarde”, continuou Cabezas, despois de oficializar a súa precandidatura ao entregar os avais ao presidente do Comité Organizador do congreso local extraordinario, Jorge Pumar.

O precandidato á presidencia local do PP de Ourense sinala que “dei este paso adiante animado polo desexo de tanta xente, que me pediu que revitalice o partido a nivel local para que o partido poida volver ser o que foi nesta cidade”. Cabezas avanza a súa vontade de liderar un “proxecto de futuro e gañador” para que o PP de Ourense retome “o camiño a través do que gobernamos a cidade entre 1995 e 2007, logrando esa transformación da cidade que moitos lembran e trasládanme, definíndoa como unha etapa de progreso e eficaz xestión municipal coa que os veciños senten identificados e orgullosos da súa cidade”.

Manuel Cabezas incide na necesidade de “recuperar o orgullo colectivo por vivir en Ourense”. Nesta liña de traballo, explica que “non foi só a militancia do partido a que me pediu que dea o paso. Moitas persoas a título individual, algunhas coñecidas e outras non, manifestáronme a súa ilusión por recuperar o que fixemos ao longo deses 12 anos de goberno municipal”.

Con este horizonte, Cabezas declara o seu desexo de tomar as rendas do PP da cidade no congreso extraordinario que se celebrará este sábado 23 de xullo no Centro Cultural Marcos Valcárcel e “abrir unha nova etapa de ilusión en Ourense”, apoiado nun “movemento que vai de abaixo a arriba e que non podemos deixar de escoitar. Ourense merece desenvolver un novo ciclo político e entre todos conseguirémolo. Porque estou seguro de que con esta ilusión armaremos un proxecto gañador para volver gobernar esta cidade en solitario”.

Tal como avanzan dende o PP de Ourense, Manuel Cabezas foi o único afiliado da agrupación local que presentou os avais para tomar as rendas do partido na cidade antes do peche do prazo, fixado para esta tarde ás 20.00 horas. Mañá, o Comité Organizador reunirase para validar os avais e, se procede, declarar a Manuel Cabezas como candidato único á presidencia da agrupación local do PP de Ourense de fronte ao congreso local extraordinario do 23 de xullo. Antes desenvolverase a campaña interna, entre os días 13 e 18 de xullo.

Artigos relacionados

Back to top button