As afeccións non saben de idade, profesión ou xeografía. E senón que llo pregunten a Manuel Moral, policía nacional natural de Rubiá e residente en Alcalá de Henares que, malia levar tres anos xubilado continúa facendo exposicións policiais por diferentes partes de España, compostas por selos, sobres e demás material filatélico sobre as Forzas e Corpos de Seguridade de todo o mundo.
Ten exposto no Museo de Ponferrada e no seu pobo natal, Rubiá, a onde escapa sempre que pode “aínda que non tanto como me gustaría”, recoñece enviándolle un especial saúdo á súa xente. A última exposición foi no Museo de Adolfo Suárez e agora, faino na súa cidade de residencia.
Dende o 20 de novembro, data na que era inaugurada, e no marco do 200 aniversario da Policía Nacional, está aberta na Sala de Exposicións da Capilla del Oidor, en Alcalá de Henares (na que se conserva a pila bautismal de Miguel de Cervantes), unha mostra de selos e uniformes policiais dende o ano 1824 ata a actualidade. “Algúns dos máis antigos foron xentilmente cedidos pola D.X.P. para este evento”, puntualiza Manuel, asegurando que aínda non pudo expoñer xunto todo o que ten posto que “ocupa máis de 60 metros de longo só en selos e se engadimos os uniforme imaxina”, di, satisfeito de poder, aínda que sexa por partes, ir amosando a súa colección.
Ademais de coleccionar material policial, Manuel Moral ten publicado un libro editado pola Fundación Policía Española que “estivo servindo de regalo protocolario para todos os Ministros de Interior que viñan a España, non en van contén máis de 120 policías diferentes”, explica.
Fotos cedidas.