PolíticaÚltima hora

Manuel Núñez, candidato do PP á alcaldía barquense: “Queremos dinamizar e pór en valor O Barco”

Adianta que contará cunha lista renovada e que reflexa a realidade deste municipio

O candidato do PP á alcaldía do Barco, Manuel Núñez Fernández./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Con “moita ilusión” preséntase Manuel Núñez Fernández como candidato á alcaldía do Barco polo PP nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio, o que supón o seu regreso á política despois duns 24 anos, xa que formou parte do goberno municipal en dúas lexislaturas con Julio Gurriarán. “Creo que neste concello fai falta xente con ilusión e ganas de traballar, e que traballe durante os 4 anos que dura a lexislatura”. Adianta que un dos obxectivos principais da candidatura que encabeza será o de “dinamizar O Barco, que ten moitas carencias nestes momento e moitas necesidades, e poñelo en valor. Pero O Barco non é só o centro da vila, senón os seus diferentes barrios e o seu rural, porque os arredores tamén existen. Nós temos unha visión de pobo do día a día, queremos que o pobo vaia para arriba. O Barco ten que recuperar o que realmente lle corresponde por lei e por caída propia”.

Para iso adianta varios puntos que, de poder gobernar o Concello do Barco, pretenden facer realidade: crear un segundo pavillón multiusos porque “entendemos que o actual está nunhas condicións lamentables”, mellorar as pistas de atletismo, a creación cun albergue de peregrinos, a potenciación da área do que era o antigo matadoiro do Barco, ampliar o número de prazas da gardería municipal ou preparar unha especie de nave nas proximidades da piscina cuberta para que as persoas que realizan os exames de conducir e teñen que agardar nese punto poidan refuxiarse da chuvia e do frío.

Tamén resaltan a necesidade de realizar un estudo socioeconómico para coñecer a realidade do concello do Barco e cales son as súas potencialidades, de pór en marcha un proxecto de transporte comarcal que conecte a localidade con outros municipios, o impulso da industria turística e das diversas posibilidades deportivas e a revisión xeral do Plan Xeral de Urbanismo (PXOM) “porque as circunstancias urbanísticas no Barco cambiaron e non vai haber ningunha unidade de actuación que se leve a cabo porque son neste momento inviables, porque non se poden soportar”.

Ademais, Manuel Núñez adianta que a candidatura do PP ás municipais no Barco contará con xente renovada e será un reflexo da realidade barquenses con representación de diferentes sectores.

Artigos relacionados

Back to top button