PolíticaÚltima hora

Manuel Núñez, presidente da xestora do PP do Barco que prepara as eleccións locais

Manuel Núñez, presidente da xestora do PP do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Coa vista posta nas vindeiras eleccións municipais de maio traballa o PP do Barco. A pasada semana constituíase unha xestora na que era nomeado presidente Manuel Núñez Fernández. Este barquense leva décadas vinculado ao partido, ao que xa representou como concelleiro no Barco en dúas lexislaturas sendo alcalde Julio Gurriarán.

“A xestora está formada por unha ducia de persoas, pero continúa aberta a novos membros. Buscamos xente que aporte, e que sinta que sigue habendo partido. Queremos dinamizar o PP do Barco e tratar de incorporar a todo o mundo que se poida e, ademais, facer unha lista no momento no que nos toque para poder competir nas elección municipais con Alfredo García”, comentaba Manuel Núñez en declaracións ao Periódico O SIL.

 

 

Ademais están traballando na elaboración da lista que presentará o PP do Barco aos comicios. “Queremos, sobre todo, xente nova, do Barco e que queira ao Barco porque creo que é o máis importante neste momento”, indica o presidente da xestora.

Sobre o seu regreso á política, Núñez comenta que “fóra dela nunca estiven, pero si un pouco apartado. Pero ás veces tócache dar pasos e unha vez que o presidente provincial me propón presidir a xestora, eu, como estou a disposición sempre do partido, por suposto aceptei de bo grado e penso que todos os que forman parte da xestora teñen as mesmas intencións ca min”.

Así mesmo, Manuel Núñez considera que é necesario un cambio político no Concello do Barco. “Creo que os mandatos moi longos no tempo non son bos porque se collen malos hábitos, entón un cambio sempre é positivo, son necesarias ideas novas, hai que ir cos tempos”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button