Herdou os antigos cantares do seu pai, natural de Paradela (Manzaneda), e estaba considerada a maior cantora de cantos de seitura de Galicia. Coa súa impresionante voz Ludivina Pérez Ricoy de Soutelo (Manzaneda) ten cantado para diferentes artistas galegos e participado en diferentes gravacións, entre elas a do CD Gran Rapsodia de Aires Populares de Galicia da Real Banda de Gaitas, que serviu de agasallo de voda para o Rei Felipe VI e Leticia.
Esta cantora, de 86 anos, falecía este 21 de setembro. O seu funeral está previsto para a tarde do 22 de setembro e nel Xosé Lois Foxo interpretará o Himno do Antergo Reino de Galicia, “como derradeiro adeus á Cantora da Seitura”. Dela Foxo destaca as súas “entonacións, son tan arcaicas que calquera transcrición musical resulta inexacta, dada a estrutura melódica e a entonación dos seus cantares”.
Manzaneda despedirá a súa cantora, pero a súa arte quedará para sempre como un legado nos discos nos que participou e tamén no libro “Cantares da seitura de Manzaneda”, que “esperamos vexa a luz o próximo verán, e que servirá para salvar do esquecemento tanta cultura musical que mantiveron as serras de Manzaneda”, adianta Foxo.