Na Estación de Montaña Manzaneda, a única de Galicia, recibirán este ano a máis de mil nenos e nenas da provincia para que aprendan a esquiar, se a neve o permite, e á vez poidan desfrutar da ampla variedade de diferentes actividades lúdicas e deportivas que ofrecen no enclave.
“Malia a subida das temperaturas nas últimas horas e a ausencia previa de nevadas, o traballo dos canóns permitiu dispor dunha mínima cantidade de neve na pista Xeixo para unha tímida aproximación á práctica do esquí por parte dos primeiros participantes neste programa”, indican dende a estación, adiantando que os 85 primeiros en desfrutar da estancia de tres días e dúas noites, con aloxamento e pensión completa ademais do curso de esquí e outras actividades complementarias (coma o tiro con arco, sendeirismo ou natación), son os cativos das comarcas de Terra de Celanova e da Baixa Limia, que chegan hoxe, 20 de xaneiro.
A próxima semana recibirán aos rapaces e rapazas das comarcas do Ribeiro e do Carballiño. Xa en febreiro, será a quenda para nenos e nenas da comarca de Verín e Viana, aos que seguirán os de Valdeorras. A semana seguinte tócalles aos de Allariz, Maceda e A Limia e, xa para pechar febreiro, farano os de Terrra de Caldelas e Terra de Trives. Co inicio de marzo a quenda é para os rapaces e rapazas de Ourense capital e, na semana seguinte os de Ourense rural. Logo haberá unha segunda quenda para a zona de Ourense capital e, de novo, para pechar o programa tamén co final do mes de marzo, outro grupo de rapaces e rapazas da zona de Ourense rural.
“No caso de que as condicións meteorolóxicas non foran favorables para a práctica de deportes de neve, o programa ofertará actividades de montaña, como a multiaventura ou o rocódromo, do que tamén se pode desfrutar no entorno da Estación de Montaña de Manzaneda, onde a diversión vai moito máis alá do esquí”, aseguran dende a estación.