ConcellosManzanedaÚltima horaVídeos

Manzaneda renovará o alumeado municipal en 20 núcleos de poboación grazas ao programa DUS-5000 de eficiencia enerxética

O delegado do Goberno, José Miñones, visitaba este municipio ourensán, acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González

O subdelegado do Goberno na provincia, Emilio González, O delegado do Goberno, José Miñones e o alcalde de Manzaneda Amable Fernández.

 

O Goberno central “triplicará os fondos dispoñibles do Programa DUS-5000 de axudas para a transición ecolóxica nos municipios do reto demográfico”. Así o anunciaba o delegado do Goberno, José Miñones, na visita “institucional e tamén de traballo” que realizaba na mañá deste martes 16 de novembro ao Concello de Manzaneda.

Alí, na reunión mantida co alcalde Amable Fernández e co subdelegado do Goberno na provincia, Emilio González, Miñones explicou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica, ante a resposta dos concellos nos primeiros días da convocatoria, decidiu elevar en 250 millóns de euros os fondos dispoñibles, ata ofrecer agora 325 millóns de euros en total. “Unha boa noticia que permitirá conceder máis axudas a máis concellos e que ten un impacto moi positivo en Galicia, onde hai 252 concellos do reto demográfico que son os que poden optar ás mesmas”.

 

 

Avanzar cara municipios máis sostibles é o obxectivo da convocatoria que abriu hai dúas semanas o Ministerio para a Transición Ecolóxica e que ten como obxectivo financiar proxectos de enerxías limpias. “O programa DUS-5000 de eficiencia enerxética beneficiará exclusivamente aos municipios do reto demográfico, que na provincia da Ourense son 84, entre eles Manzaneda”, engadiu o delegado.

O delegado animou a Manzaneda e ao resto de concellos a aproveitar esta oportunidade. Lembrou que este concello xa foi beneficiaria de tres axudas na convocatoria anterior do Ministerio para proxectos de eficiencia enerxética. De feito, “grazas á achega de 325.000 euros do Goberno, o Concello vai afrontar a renovación do alumeado municipal en 20 núcleos de poboación”, dixo. Con este cambio, o Concello de Manzaneda aforrará unha parte importante da factura eléctrica municipal que pode adicar a outros servizos.

 

 

O delegado do Goberno engadiu que Manzaneda tamén se beneficiará da primeira convocatoria do Plan UNICO-Banda Ancha, que impulsa do Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital. O departamento ministerial aprobou este mes a resolución provisional que aportará 2,3 millóns de euros a empresas tecnolóxicas para financiar as acometidas de internet en zonas rurais da provincia de Ourense. No conxunto de Galicia o Goberno concedeu 30 millóns de euros en axudas a proxectos para levar a banda ancha de alta velocidade a zonas que carecían deste servizo en 278 concellos de Galicia. Miñones detallou que, no caso concreto de Manzaneda, este plan permitirá levar o servizo de banda ancha a 389 empresas e vivendas do Concello de Manzaneda que non dispoñían desta conexión nin estaban dentro dos plans de expansión das compañías de telecomunicación.

 

Artigos relacionados

Back to top button