A promoción da lectura entre nenos e maiores será o obxectivo dunha serie de actos que se desenvolverán na Biblioteca Municipal do Concello da Rúa nos vindeiros días. O primeiro deles terá lugar o 23 de abril. Será un maratón de lectura de “El Quijote”, que se realizará entre as 11h. e as 13h. e entre as 18h. e as 20h. Está dirixido a persoas de todas as idades e aqueles que se animen a ler algún anaco desta obra universal de Miguel de Cervantes recibirán como agasallo un exemplar de “El Quijote”. Ademais poderá contemplarse unha fantástica exposición de marcapáxinas instalada na mesma biblioteca.
Ao día seguinte, 24 de abril, os cativos desfrutarán do contacontos “Vento e chuvia. Deuses galaicos” da man de Sole Felloza ás 11.30h. Ao redor de 70 nenos do instituto rues (de 1º e 2º da ESO) asistirán a este espectáculo de animación á lectura.
Ademais na tarde do 29 de abril, os rapaces terán unha nova cita cun contacontos prevista para as 17:30h.
No mes de maio haberá novas iniciativas ligadas á lectura na biblioteca municipal da Rúa. Todas estas actividades forman parte do programa “Ler conta moito”.
Texto: A.R. Fotos: cedidas pola Biblioteca Municipal do Concello da Rúa.
Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.