EconomíaEconomíaÚltima hora

Marisol Nóvoa, reelixida presidenta da Confederación Empresarial de Ourense

Obtiña un total de 115 votos a favor entre os presenciais e os das delegacións

 

A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) celebraba esta tarde de 6 de xuño a súa asemblea electoral, da que saíu elixida como presidenta Marisol Nóvoa, repetindo no cargo que xa ocupaba desde 2019. En total emitíanse 119 votos, dos que 115 foron a favor da candidatura encabezada por Nóvoa e 4 en branco. Ao salón de actos da sede de Afundación, onde tiña lugar a asemblea, acudían compromisarios da organización, os representantes das distintas asociacións, empresas e colectivos con dereito a voto e que compoñen o censo electoral. Entre eles estaban os da Asociación Empresarial de Valdeorras e os do Clúster da Pizarra de Galicia.

Tras resultar reelixida, Marisol Nóvoa fixo referencia á traxectoria desenvolvida na CEO no últimos catro anos e á intención de “continuidade para seguir dotando ao tecido empresarial ourensán de representatividade, ferramentas e recursos para afrontar este ciclo de cambios tan profundos que estamos a vivir”. Lembrou tamén a dificultade de afrontar un período marcado polas crises sanitarias, enerxética e de inflación, pero mostrouse esperanzada por que “a etapa que hoxe comeza estea repleta de proxectos, de boas noticias e de iniciativas que conduzan á mellora da contorna económica e produtiva, e contribúan á transformación das empresas cara á dixitalización e a sustentabilidade”. Do mesmo xeito, Marisol Nóvoa solicitou a participación activa de todos os integrantes da confederación “pois o traballo en equipo é a mellor ferramenta para alcanzar os obxectivos previstos”.

Nóvoa dedicaba tamén unhas palabras de agradecemento ao equipo que a acompaña nesta nova andaina, destacando a procedencia de homes e mulleres de distintos sectores, colectivos e empresas da organización que conforman un grupo variado e representativo do tecido empresarial da provincia e xunto aos que, aseguraba sentirse “motivada e ilusionada para empezar a traballar en novos proxectos que redunden en beneficio do tecido empresarial da provincia de Ourense, visibilizando este traballo para que a CEO siga gañando prestixio”.

O peche desta asemblea corría a cargo de Gerardo Cuerva, presidente da Confederación Española da Pequena e Mediana Empresa e vicepresidente de CEOE, que interveu ante a presenza tamén do presidente da CEG, Juan Manuel Vieites.

 

Cedida.

 

Marisol Nóvoa presentaba a Cuerva destacando que é un empresario vinculado ás organizacións empresariais desde fai máis de quince anos, non só nos seus cargos a nivel nacional, senón tamén na representación rexional como membro do Comité Executivo da CEA (Confederación de Empresarios de Andalucía), así como presidente na súa provincia, Granada, da Confederación Granadina de Empresarios (CGE) e da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Granada.

Na súa intervención, o presidente de Cepyme reivindicou os valores empresariais e destacou o papel esencial que xogan as organizacións empresariais na defensa da dignidade empresarial sen complexos, nun momento no que as empresas o necesitan.

Gerardo Cuerva analizou a situación económica e os desafíos das empresas, en especial chamou a atención sobre o impacto da inflación nas compañías que sofren un forte incremento de custos acumulado nos últimos dous anos e lastra a súa produtividade. Neste sentido, reclamou unha contorna proclive á actividade empresarial, no que se poña fin ás políticas que supoñan un incremento dos custos e que penalizan o investimento e o emprego.

Ao rematar o acto os asistentes compartían uns pesticos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button