Galerías de fotosÚltima hora

Marisu Miranda e Brandon Shalton: unha voda moi española en pleno Nova York

A deseñadora barquense casaba a finais de agosto no Instituto Cervantes, celebrando o banquete nupcial en La Nacional, un restaurante español con máis de 150 anos de historia

 

Dous anos despois dunha romántica pedida de man, a deseñadora barquense Marisu Miranda e o seu prometido, o estadounidense Brandon Shalton, celebraban a finais de agosto o seu enlace matrimonial en pleno Nova York, pero cun marcado acento español.

Marisu Miranda é a terceira xeración dunha familia adicada ao mundo téxtil e á moda no Barco de Valdeorras de onde é natural e onde deu os seus primeiros pasos de costura e malia vivir a maior parte da súa vida en Estados Unidos (en Tampa, Florida e actualmente en Chelsea, Nova York), ten moi presentes as súas raíces españolas, ás que rende homenaxe nos seus proxectos (tanto de moda como de arte) e agora tamén na súa propia voda.

 

Brandon e Marisu no xardín do Instituto Cervantes de Nova York.

 

O 28 de agosto, Marisu Miranda e Brandon Shalton casaban no xardín do Instituto Cervantes de Nova York, sendo a primeira voda que se celebra nesa emblemática organización sen ánimo de lucro creada en 1994, algo que fixo moita ilusión á noiva. Foi un acto íntimo pero con moita clase que continuaba noutro lugar emblemático para a comunidade española no país norteamericano con máis de 150 anos de historia, o Restaurante La Nacional.

 

A deseñadora barquense Marisu Miranda co traxe de noiva da súa propia creación.

 

Fundada en 1868, La Nacional, Spanish Benevolent Society, é a institución cultural española máis antiga de Estados Unidos que axudou a decenas de miles de inmigrantes españois a atopar “un fogar lonxe do fogar” e que a día de hoxe, segue comprometida coa súa misión de “promover, alentar e difundir o espírito de fraternidade e solidariedade entre os españois e hispanoamericanos” residentes neste país. “Este refuxio clásico estivo alimentando a españois e latinoamericanos en Nova York desde o século XIX desde unha histórica casa de pedra avermellada no corazón do que foi a Pequena España”, explican dende La Nacional que para celebrar o seu 150 aniversario, tomaba por primeira vez o control do espazo, para crear un restaurante comunitario e un lugar de reunión aberto a todos.

 

Pratos deseñados por Marisu Miranda en homenaxe a arte andaluza./ Foto cedida.

 

“A nosa organización asociouse con algúns dos mellores institutos culinarios de España, patrocinando encontros dos mellores chefs do país para administrar e crear na nosa cociña, cuxos pratos se inspiran no pasado do local combinado co seu propio estilo e técnicas contemporáneas, facendo do Restaurante La Nacional un epicentro culinario da comida española”, aseguran.

E nese mítico entorno celebraban Marisu e Brandon o seu banquete nupcial, no que toda a decoración correu por conta da propia noiva, dende o seu traxe de marcado estilo andaluz ou o dos convidados, ata os pratos decorativos das mesas (homenaxe a Dalí, Lola Flores ou Martirio) ou a ambientación.

Unha voda con moita arte andaluza no corazón de Nova York. Parabéns parella!

 

Os recén casados durante o baile.

 

Fotos: Daniel Tarrosa.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button