Marisu Miranda, natural do Barco de Valdeorras, leva anos vivindo en Estados Unidos onde desenvolve o seu traballo como deseñadora de moda. Actualmente está en Chelsea (Nova York) onde tamén está vivindo o confinamento debido á pandemia do coronavirus. E precisamente dende o seu taller, quixo enviar unha mensaxe de ánimo e positivismo nun momento tan delicado como o que se está vivindo a nivel mundial.
Marisu, fiel defensora das cousas ben feitas e sobre todo da calidade do produto, confesa que algo do que se deu conta ao vivir esta crise sanitaria é que “non necesitamos tantas cousas materiais como pensabamos”, consciente de que como artistas que son poden aproveitar esta situación “facendo un produto aínda mellor”. Asegura que sería bonito conseguir que a xente coñecera que persoa, que artista hai detrás de cada artigo, aplicado a prendas, mobles, calzado, xoias,… “Fagamos que o noso labor conte”, di.