
A cantante Marta Sánchez gravou na xornada de onte, 25 de abril, en Laias (Cenlle) o spot oficial de La Vuelta Ciclista a España 2016, coa provincia de Ourense como escenario principal. O anuncio escenificouse nun espazo natural á beira do Miño, preto do balneario de Laias. Neste enclave, a artista traballou xunto ao músico ourensán Daniel Minimalia e o gaiteiro Anxo Lorenzo. Tamén contará coa participación do humorista estradense David Amor.
Ata o lugar da gravación desprazouse tamén o director xeral de La Vuelta, así como o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e a directora de Turismo, Nava Castro. Esta última destacou que o anuncio se rodará íntegramente na comunidade galega e avanzou que a súa emisión en Televisión Española se producirá durante os meses de xullo, agosto e setembro.
Pola súa banda, Baltar sinalou que a gravación promocional supón “un plus para a proxección mediática da proba ciclista máis importante do mundo, xunto co Giro e co Tour, e onde a provincia de Ourense esta a ser este ano o centro de atención”. Lembrou, pois, que discorrerán por esta zona catro etapas, e tamén se desenvolverá a presentación dos equipos.