
A localidade de Mouruás (San Xoán de Río) está asociada simbolicamente e arqueoloxicamente á espada da Idade do Bronce que se atopaba a finais dos 60 no seu castro. E outro elemento singular ligado a el é o chamado Penedo dos sete chanzos, que se cre que era un altar rupestre. E, malia que o xacemento está catalogado como castro, ata agora non había ningún traballo arqueolóxico feito sobre el. O primeiro iniciábao hai dous meses Solventa Arqueoloxía – Grupo Xeitura S. Coop. Gal., baixo a coordinación de Martiño Xosé Vázquez, con financiamento a través do GDR Sil-Bibei-Navea.
Era un proxecto de aplicación das novas tecnoloxías para caracterización arqueolóxica do lugar de Mouruás. A intervención incluía unha limpeza do lugar, o levantamento dun dron con LiDAR (tecnoloxía de teledetección óptica) para realizar unha cartografía de detalle que permitise delimitar o xacemento e un levamento con xeorradar para determinar se dentro desa extensión do LiDAR había estruturas arqueolóxicas ou non. Finalmente, tamén se levaban a cabo sondaxes valorativas para confirmar o resultado do xeorradar.
Unha delas facíase no sistema defensivo norte do castro e permitía localizar o foso, “o que nos fala dun castro da Idade do Ferro”, matiza o arqueólogo Xosé Martiño Vázquez. A outra sondaxe desenvolvíase no Penedo dos sete chanzos, “con moita carga simbólica e lendas asociadas. Queríamos comprender que podía ser iso. O que comprobamos coa sondaxe é que, aínda que o espazo está moi humanizado e alterado, hai unha construción rupestre e sacamos unha canalización a 2 m de profundidade do terreo que se pisa actualmente e restos de construción, asociados directamente ao altar e que nos falan de que esas escaleiras forman parte dun conxunto máis amplo e que aínda non sabemos o que é. O problema deste penedo é que non temos datación porque non hai ningún material que nos indique de que época é. Hai que seguir traballando”.
Aínda así, este investigador resalta que “o resultado destes dous meses de intervención en Mouruás ten sido moi positivo” e desvela que “o xacemento é moito máis grande do que parecía. Ademais danos un horizonte cronolóxico que non só vai dende Idade do Bronce, asociado a esa espada, senón que temos elementos romanos como cerámica e tegula que nos indican un momento de ocupación no cambio de era”. Esa investigación presentábase o 24 de xuño no Concello de San Xoán de Río, coa asistencia de veciñanza de Mouruás.

E, nese senso, o Concello de San Xoán de Río está moi interesado en continuar actuando arqueoloxicamente no lugar, tal e como confirma o seu alcalde, Xosé Miguel Pérez. De feito, xa se conta con financiamento da Axencia de Turismo de Galicia para un proxecto de escavación grande en área, duns 100 m2 neste mesmo ano, para intentar comprender mellor e caracterizar o sitio.
“Mouruás non é só un castro, presenta ocupación da Idade do Bronce e da Idade do Ferro, e, ademais, ten unha ocupación romana que desborda o castro, que o fai moito máis grande do que había antes. E nós estamos convencidos de que esa ocupación romana está relacionada coa explotación mineira dos Biocos, moi próxima, e coa saída dese mineral pola Via Nova cara Roma, e esa é na fase na que se está agora mesmo”, asegura o investigador.
Nesa liña vaise poñer o foco a nova intervención prevista para os vindeiros meses, que se centrará “na ocupación extra murallas, obviamente haberá algunha actuación arqueolóxica no interior para ter elemento patrimonial recuperado alí, se ben o que verdadeiramente fai singular a Mouruás é o que está por fóra das murallas. Entón imos intentar escavalo, caracterizalo e ver de que momentos nos fala esa ocupación romana”, avanza Vázquez.
Fotos: Solventa Arqueoloxía – Grupo Xeitura S.Coop.Gal.


