PolíticaÚltima hora

Martiño Xosé Vázquez repetirá como cabeza de lista de OUeC nas locais do 2019

O partido presentou hoxe a súa candidatura na que non estará presente Miguel Doval, actualmente concelleiro na Corporación Municipal
Miguel Doval, Martiño Xosé Vázquez e Ledicia Piñeiro. // Foto: Carlos Asensio.

Ourense en Común xa emprende a pre-campaña para as municipais do 2019 coa presentación hoxe, 20 de febreiro, da súa cabeza de lista para estes comicios. Martiño Xosé Vázquez volve repetir como cabeza de lista desta formación local. Vázquez dixo que espera que na súa candidatura “estean recollidas todas as sensibilidades de Esquerda Unida, Podemos, Anova, Equo, persoas a nivel individual e organismos sociais”. O cabeza de lista estivo acompañado polos seus compañeiros na actual Corporación Ledicia Piñeiro e Miguel Doval.

En canto ao seu proxecto político, Martiño Xosé Vázquez o cualificou do seguinte xeito: “Transparente e horizontal e que sexa o máis plural posible” e que tamén “afonde nas ferramentas de democracia directa na toma de decisións”.

O candidato dixo que o seu traballo na oposición foi o de “non só criticar ao Goberno, senón que presenta un proxecto alternativo ao Partido Popular”. Nese senso, Vázquez dixo que “temos exemplos moi claros do que queremos facer nas cidades”, facendo referencias a Compostela, A Coruña, Madrid ou Barcelona.

O que pretende Ourense en Común coa súa candidatura é “sumar a Ourense a esa onda de renovación” facéndoo a través do proxecto político de “poñer as institucións ao servizo das persoas” coa introdución de medidas como “a renda social básica ou a reforma fiscal”, asegurou Martiño Xosé Vázquez.

Para referendar a súa candidatura, Vázquez remarcou que “somos o único grupo municipal que presentou emendas a todas as ordenanzas que se presentaron, o único grupo que se sentou a negociar alí onde foi chamado e o que presentou mocións en todos os plenos”. E reiterou que “a nosa capacidade de traballo é incuestionable, sendo o grupo que menos recursos ten”.

Por este motivo, Martiño Xosé Vázquez pediu o voto porque a xente “terá elementos para comparar o resultado entre as cidades das que gobernamos con Ourense”. En concreto referiuse aos orzamentos: “Na Coruña e Santiago sacamos orzamentos anuais e en Ourense levamos tres anos sen orzamentos” e tamén á renda social básica “que na Coruña está implantada e en Ourense non pasou da fase de revisión”.

Relevo xeracional

Pola súa banda, o actual compañeiro de grupo do candidato, Miguel Doval, anunciou que se vai retirar á segunda fila “porque xa é o momento”. Doval remarcou que “é o momento de deixar paso ao relevo xeracional”.

Pola súa banda, Ledicia Piñeiro asegurou que “Martiño é o meu candidato” e que por iso non se presentou ás primarias para encabezar a lista. En canto á súa continuidade na política municipal non deixou nada claro de si ía presentarse na lista para o 2019: “estarei alí onde se pida que estea”, dixo, aínda que remarcou que “en política a actividade é cíclica e temos que deixar paso a outra xente que é moi válida e tamén pode achegar cousas”.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button