Coa idea de botar unha man nesta difícil situación provocada polo coronavirus, á responsable dunha mercería do Carballiño ocorréuselle unha idea á que se unían as alumnas dos obradoiros de costura: elaborar máscaras para calquera persoa que as necesitara e non tivera acceso a elas.
Así nace “mascarillas solidarias”, un iniciativa que arrancaba o 21 de marzo. “As mans de solidariedade aumentaron día a día, chegando a case 100 persoas, cada unha no seu fogar, cosendo no illamiento pero xuntas de corazón e mente, traballando por un obxectivo común”, aseguran dende a mercería que recibía tamén a colaboración de pequenas empresas.
A partir do 1 de abril, case 5.000 máscaras comezaron a chegar ao seu destino (14 concellos e 30 residencias da terceira idade), esperando poder acadar o seu obxectivo: 10.000 máscaras para residencias de anciáns, concellos, centros de saúde e colectivos expostos da comarca de Carballiño.
Dende a mercería agradecen “o traballo de todos os que forman parte desta cadea de solidariedade”, asegurando que “non pararemos aquí, continuaremos mentres as nosas mans poidan axudar, tratando de seguir aportando o noso gran de area”. De feito, tamén comezaron a fabricar traxes de protección de TNT e están dispostos a “seguir cosendo todo o que se necesite para os nosos sanitarios e veciños”, aseguran.
Fotos cedidas