O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe por videoconferencia na reunión da comisión de avaliación das Medallas ao Mérito de Protección Civil de Galicia, na que se aprobou o informe coas propostas para este ano nas súas distintas categorías entre as solicitudes recibidas. Na proposta inclúese unha medalla de outro para todas as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Galicia pola súa labor durante a pandemia nos operativos de entrega de alimentos e medicamentos, acompañamento de persoas que viven soas ou desinfección de espazos públicos con máis de 100.000 dispositivos.
Co obxectivo de poñer en valor as accións sobresaíntes que en materia de protección civil leven a cabo o persoal voluntario e profesional, así como entidades de todo tipo, a Xunta aprobou en febreiro de 2019 o decreto polo que se regulan as Medallas ao mérito de Protección Civil de Galicia e outras condecoracións.
Conforme a este decreto anualmente distínguense ás persoas físicas ou xurídicas que sobresaian polas súas actividades en materia de protección civil, accións de emerxencia, de grave risco, catástrofe ou calamidade pública, ou pola realización de actuacións que impliquen risco notable, solidariedade excepcional, colaboración e cooperación coas institucións de Protección Civil, así como en actuacións de continuidade relevante de interese, todo no ámbito territorial da comunidade.
Cada ano concédense unha medalla de ouro, tres de prata e seis de bronce e un distintivo de permanencia ao persoal voluntario que acredite un mínimo de 25 anos prestando servizo activo. En casos excepcionais, sucesos ou emerxencias que desen lugar a perdas de vida ou que afecten gravemente á integridade das persoas que interveñen neles, poderanse conceder as medallas sen limitación de número, en calquera das súas categorías e na mesma anualidade.
A proposta da comisión publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) para logo celebrar un acto público para a entrega das medallas na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). Neste ano levarase a cabo o primeiro acto público de recoñecemento polas actuacións sobresaíntes desde a publicación do decreto correspondentes ás actuacións dos anos 2019 e 2020 e que tivo que adiarse debido as restricións derivadas da pandemia do coronavirus.