Os máis mozos teñen unha cita, os días 5 e 6 de decembro, co Salón da Xuventude “Megaxove”, que este ano cumpre a súa maioría de idade coa celebración da décimo oitava edición e que convertera a Expourense en punto de encontro da mocidade galega.
Este salón conta coa colaboración de 21 expositores, entre os que se atopan asociacións culturais e xuvenís galegas, federacións e clubs deportivos, ou empresas especializadas en educación e formación dos máis novos.
A novidade deste ano será a campaña de recollida de material escolar (libretas, lapiceiros, marcadores etc.) que porá en marcha en Megaxove o Rally Solidario de Galicia Sport Raid Team e Escudería Ourense Raid, e que se entregará na vindeira proba (Madrid-Marraketch). Tamén organizan unha exposición de vehículos que corren esta competición. A todo isto súmase a tradicional “Operación Quilo” de recollida de alimentos.
Os expositores elaboraron un programa completo cheo de actividades que se vai inaugurar mañá, no Día Internacional do Voluntariado, e cuxo obxectivo é a diversión, din dende Expourense, “así como o fomento de valores como o compañeirismo e a solidariedade, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou o respecto ao Medio Ambiente”, dixo a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, na presentación de hoxe, 4 de decembro, á que tamén acudiron o presidente do Clube de Atletismo Ourense, José Álvarez, e Héctor Pérez Mosquera.
O deporte será un dos grandes protagonistas desta cita. As federacións e asociacións elixiron este salón para dar a coñecer estes deportes, programando exhibicións e torneos. As principais novidades deste ano son a introdución ao Roller Derb, da Asociación AS Lobas de Morgana; adestramentos de Kung-Fu do Club Kung-Fu Barbadás e o Xinmasio Fitness Forma. Tamén destacan as mini competicións de Atletismo organizadas polo Club Atletismo Ourense ou o xa clásico Torneo de Xadrez Megaxove, convocado polo Club Xadrez Ourense. Ademais, os xogadores da Unión Deportiva Ourense achegaranse ata Megaxove para asignar autógrafos e sacar fotos entre o público presente.
A entrada será de balde e os horarios son: o martes 5 de 10:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 20:00 horas. O mércores 6 a apertura de mañá será de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.