
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) emendará as deficiencias de sanemiento do núcleo de San Cristovo (Ribadavia). José Antonio Quiroga, presidente do organismo, realizou unha visita a Ribadavia, na que foi recibido pola nova alcaldesa, Noelia Rodríguez, e por varios membros da corporación municipal.
Despois da reunión mantida na Casa do concello, onde se trataron todos os asuntos importantes para o municipio, realizouse unha visita ao núcleo de San Cristovo, no tramo urbano da estrada de Carballiño, para comprobar “in situ” una das problemáticas expostas relacionada coas deficiencias de saneamento nesta zona.
O presidente do organismo comprometeuse a colaborar co Concello e dar solución a este problema que xera verteduras recorrentes ao leito e, para iso, a CHMS redactará un convenio de colaboración que posibilitará a licitación, a redacción dun proxecto construtivo e á execución das obras, así como, o seu financiamento e posterior entrega ao goberno municipal.
O investimento necesario estímase en 768.000 € dos cales 614.400 € serán achegados pola CHMS e os 153.600 € restantes polo concello de Ribadavia, o que corresponde cunhas porcentaxes de cofinanciamento do 80% e 20% respectivamente.