OurenseÚltima hora

Melloras no colexio de Boborás e no Castro de Cameixa

As obras de cubrición do CEIP Nosa Señora de Xuvencos comezarán antes de que remate novembro e terán un investimento de preto de 135.000€

Publicidade
Visita ao IES Otero Pedraio.

 

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitaba onte o concello de Boborás para presentar as actuacións que a Xunta de Galicia está a realizar no CEIP Nosa Señora de Xuvencos e no Castro de Cameixa, ambos neste municipio ourensán.

No referido ao colexio, o conselleiro destacou o investimento de preto de 135.000€ para a cubrición do patio cuberto. “Segundo as previsións, a actuación comezará antes de que remate o mes de novembro”, explicou, sinalando que o prazo de execución da mesma é de catro meses.

O proxecto propón a implantación de dúas novas cubertas situadas na parte posterior da edificación existente, posibilitando un espazo protexido á acción da choiva, aberto polos seus laterais, que permite o desenvolvemento de actividades ao aire libre dos alumnos. As novas cubricións consistirán nunha estrutura de aceiro laminada, composta por piares e vigas pasantes e tamén se instalarán canlóns de aceiro galvanizado.

 

Na biblioteca do IES Otero Pedraio.

 

O conselleiro explicou que esta actuación se enmarca no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego que, cun investimento de 191M€ para esta lexislatura, busca a modernización das infraestruturas educativas galegas.

Castro de Cameixa

A campaña arqueolóxica acometida no Castro de Cameixa nos últimos meses fixo posible identificar novas estruturas murarias que se datan na última fase de ocupación (s. I a.C.- I d.C.) e que poderían indicar a presencia dun espazo de tránsito entre a parte máis alta do xacemento e esta.  Así mesmo, confirmouse a continuación do muro localizado durante as campañas anteriores e sobre o que se artellan varios espazos destinados ao traballo metalúrxico tras a localización de dous fogares con estrutura circular anexa para refriado.

En canto a materiais, atopáronse abundantes fragmentos cerámicos así como dúas doas de colar de pasta vítrea, unha fíbula de longo traveseiro, unha pulseira e varios ferros. Os traballos, nos que o departamento de Cultura do Goberno galego investiu máis de 16.000€, comezaron pola limpeza e roza, baixo control arqueolóxico, da vexetación da zona de actuación e a súa contorna máis inmediata. Así mesmo, escavouse unha área duns 100 m² co fin de exhumar parte dos restos arqueolóxicos descubertos en campañas anteriores, sobre as que posteriormente se realizaron labores de diagnose e consolidación. A actuación completouse coa documentación fotográfica e planimétrica da área de actuación e das diferentes fases.

 

Visita ao Castro de Cameixa en Boborás.

 

O Castro de Cameixa ten a consideración de ben catalogado e presenta dous recintos amurallados e incluso outro antecastro máis exterior pero sen defensas ben definidas. Foi un dos primeiros escavados con certa metodoloxía arqueolóxica, o que achegou datacións absolutas que permitiron reformular os distintos períodos da cultura castrexa.

As primeiras campañas realizáronse nos anos 40 do século XX por Florentino López Cuevillas e Xaquín Lorenzo Fernández. Desde o ano 2018 estanse a levar a cabo campañas arqueolóxicas anuais para a posta en valor do dito xacemento a través da escavación e consolidación das estruturas arqueolóxicas descubertos na campaña inicial, así como ampliando a escavación co fin de definir e comprobar datos para seguir avanzando na investigación deste xacemento.

 

No CEIP Boborás.

 

Compromiso co patrimonio

O conselleiro destacou o compromiso da Xunta de Galicia coa conservación do patrimonio artístico e cultural, cun aumento do 14% nos Orzamentos 2023 para este fin. En concreto, o Goberno galego incrementa en 4 M€ a achega destinada á conservación, restauración, investigación e divulgación de bens patrimoniais nas contas do ano que vén.

“O obxectivo deste esforzo inversor é ampliar o alcance do labor posto en marcha nos últimos anos para garantir a mellor conservación do noso patrimonio, que funciona ademais como un importante impulso económico para as zonas que o acollen”, dixo.

 

Visitando o CEIP Boborás.

Artigos relacionados

Back to top button