ConcellosÚltima hora

Membros de Protección Civil da Veiga e Vilariño, entre os voluntarios que recibían condecoracións hoxe en Ourense

 

Esta mañá facíase entrega das medallas ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da provincia de Ourense que non puideron asistir á entrega de condecoracións de Protección Civil de Galicia celebrada o pasado novembro na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), na Estrada, con representantes das AVPC de toda a Comunidade, así como das forzas e corpos de seguridade e de servizos de emerxencia galegos. O acto contaba coa asistencia do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

O delegado territorial destacou, diante dos membros das AVPC de A Veiga, Vilariño de Conso, Esgos, Celanova e O Carballiño, que actos como o de hoxe serven de homenaxe ao traballo feito durante as vagas de incendios do pasado verán na provincia ourensá, con máis de 150 operativos para atender ás persoas desaloxadas por mor dos lumes, e “ao imprescindible labor” dos voluntarios destas agrupacións complementando aos servizos municipais nos dispositivos para “atender aos veciños no día a día” en todos os días do ano.

Gabriel Alén significou que pese a tratarse dunha competencia dos municipios de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación, a Xunta mantén o seu compromiso cos servizos de emerxencias dos concellos nos orzamentos de 2023. Así, destínase 1 millón de euros a dotalos do equipamento necesario, que se suman ao investimento histórico de 24 millóns de euros desde 2009 e dos que 14 millóns corresponden ás AVPC.

Ademais de colaborar en equipar os efectivos das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, a Administración autonómica leva investidos 4 millóns de euros nos seus gastos de funcionamento a través da liña de axudas anual que en 2023 se volverá a renovar mantendo a contía de 340.000 euros.

O Goberno galego tamén asume máis da metade do custo anual de mantemento dos GES co obxectivo de mellorar o mapa de emerxencias da comunidade, polo que reserva nas contas deste ano a partida necesaria para renovar o convenio coas deputacións de Lugo e A Coruña e os concellos desta provincia que venceu a finais de 2022.

O delegado territorial destacou por último o convenio de colaboración entre a Xunta, a Deputación provincial e a FEGAMP para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), que permitiu incrementar as plantillas e mellorar o funcionamento dos 12 GES da provincia ourensá.

Artigos relacionados

Back to top button