Comezan a concretarse os detalles de cara a celebrar as eleccións do 9 de xullo, nas que se renovará os cargos do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras. Na sesión plenaria que este organismo celebraba na mañá do 5 de xuño acordábase o emprazamento das dúas mesas electorais que se habilitarán na xornada de votacións. Unha delas situarase na Oficina Agraria Comarcal da Rúa (Velázquez, 2) e a segunda, na Oficina Agraria Comarcal do Barco (Casa Grande de Viloira).
Na mesa situada na Rúa de Valdeorras poderán depositar o seu voto electores dos censos A, B1 e B2 procedentes dos municipios de Petín, Larouco, O Bolo e A Rúa. Mentres, na mesa instalada no Barco farán o propio os electores dos censos A, B1 e B2 procedentes dos municipios de Vilamartín, Rubiá, Carballeda e O Barco. Nesta segunda mesa poderán votar, tamén, os electores non residentes en ningún dos municipios do territorio amparado. En total, votarán nestas eleccións unhas mil persoas.