A presenza valdeorresa notarase na vindeira gala dos Premios Mestre Mateo, prevista para o 11 de abril no auditorio do Palexco, na Coruña. Ás 16 nominacións que suma a longametraxe ourensá “A Esmorga”, de Ignacio Vilar, hai que engadirlle candidaturas doutros traballos como a webserie “El método sueco”, unha comedia de Porco Bravú. Unha das súas produtoras é a barquense Alicia Alonso.
“El método sueco” preséntase como “un proxecto colaborativo que conta coa participación dos máis coñecidos creadores de webseries do panorama galego e español, como David Sáinz, creador de “Malviviendo”, ou Daniel Vilaverde, de “Poetarras” “.
Ademais de “El método sueco”, na categoría de serie web tamén competirán polo Mestre Mateo “Clases de lo social” (de Volvemos a Primera, Pablo Cacheda e Claqueta Coqueta), “Fame webserie” na súa segunda tempada (de Audiobeesual) e “Te quiero, pero” na súa segunda e terceira tempada (de Pronettia).
Por outra banda, “El método sueco” tamén ten sido unha das 20 series escollidas na sección nacional do festival Carballo Interplay.