49 Rallye Ourense TermalDeportesGalerías de fotosÚltima hora

Miles de seareiros arroupan o comezo do 49 Rallye de Ourense en San Cibrao

Grupos de amigos, familias e parellas xuntáronse na Cidade do Transporte para ver o tramo espectáculo, facendo fronte ao inusual frío e á ameaza de choiva

A meteoroloxía acompañou menos do previsto. O frío -inusual no mes de xuño en Ourense- e a ameaza da choiva presentaron un reto a priori duro de bater: aguantar até o final. Pero os miles de seareiros que se deron cita na tarde do venres no polígono de San Cibrao das Viñas querían ver aos seus ídolos por enriba de todo. Entre outras cousas, escoitar bourar os motores dos 88 participantes da 49 edición do Rallye de Ourense. E non defraudaron a ninguén. Polo circuito pechado pasaron modelos para todos os gustos, dende algún histórico Ford até os Porsche máis actualizados, pasando tamén por vehículos da casa Renault, Dacia, Peugeot ou Mitsubishi e Citröen. E sobre todo, eles, os pilotos. As grandes estrelas.

Con puntualidade case británica comezaba arredor das 19:30h o tramo espectáculo na tamén coñecida como Cidade do Transporte. Nesta edición do rallye, a programación contemplaba só unha cita aquí, pero a cambio prolongouse o trazado, acadando os 3,33 km cronometrados. Os pilotos foron saíndo en orde decrecente con intervalos de varios minutos co obxectivo de facer dúas pasadas ao tramo.

Con estas pautas, a proba inaugurouse sen grandes contratempos, a excepción dun dos pilotos de Escudería Ourense, José Antonio Ares, que botou fóra nunha das primeiras curvas do trazado. O Peugeot 309 GTI 16 que conducía xunto a Álvaro Masid desviouse da traxectoria levando por diante diverso material mobiliario, co que causou tamén danos no propio vehículo. Os ocupantes saíron ilesos.

O público aplaudía especialmente cando se vivía tensión no asfalto. Unhas rodas que chirriaban apurando a freada, un motor que ruxía máis da conta ou un coche que ladeaba demais facía vibrar aos espectadores, que non dubidaban en plasmar o momento utilizando todo tipo de ferramentas tecnolóxicas. Outra das ferramentas que tamén estivo presente entre os asistentes foi o paraugas, que se empregou como escudo contra a choiva que asomou até en dúas ocasións, aínda que feble.

No primeiro encontro do 49 Rallye de Ourense tampouco faltaron detalles como os aperitivos, especialmente coidados na zona VIP. Así, os asistentes puideron desfrutar do espectáculo acompañados de algo de bebida e pinchos de xamón, da casa Coren, e uns bocadiños. Todo vale para pasar un bo momento entre amigos, coa familia e os nenos ou coa parella.

Hoxe, sábado, a festa do motor continúa con catro trazados especiais ao longo da provincia, con dúas pasadas por cada un deles: A Peroxa, con saída ás 8h e ás 10:55h; Toén-Castrelo, programada para as 9:05h e as 12h; Esgos, ás 15h e ás 18:50h; Maceda está previsto para as 15:30h e as 19:20 e Canón do Sil, ás 16:10h e ás 20h. Unha intensa xornada que promete máis e mellor espectáculo da man de pilotos como Cristian García, Pedro Burgo, Adrián Díaz ou Sergio Vallejo.

Texto: Sara Fontenla
Fotos: Carlos G. Hervella e Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button