PolíticaÚltima hora

Moción do BNG no pleno do Barco sobre a delimitación definitiva do Camiño de Inverno

O concelleiro nacionalista, Suso Vilasánchez, tamén presentará na sesión unha moción sobre peaxes nas autovías galegas

O concelleiro do BNG no Barco, Suso Vilasánchez, durante unha intervención no pleno municipal de maio./ Foto: A.R.

 

O trazado do Camiño de Inverno en Valdeorras será obxecto de debate o vindeiro 3 de xuño no pleno ordinario que celebrará a Corporación barquense. O concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez, vén de presentar unha moción para a súa aprobación na sesión na que se pide o impulso da delimitación definitiva desta ruta xacobea que entra en Galicia pola comarca.

“Os problemas que trae consigo a falta de delimitación do trazado do Camiño de Inverno puxéronse de manifesto coa denegación das subvencións solicitadas polas veciñas do casco vello do Barco (da Rúa San Roque e da Rúa Real) ao abeiro do “Programa de Fomento da Rexeneración e Renovación Urbana e Rural do Plan de Vivenda 2018-2021” que estabelece tamén “as bases reguladoras das subvencións correspondentes ás áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e do Parque Nacional das Illas Atlánticas” publicado no DOG. 124, do 2 de xullo 2019)”, tal e como explica o edil do BNG na moción.

Así mesmo Vilasánchez indica que “a Consellería de Cultura e Turismo proxectou e financiou a mellora da sinalización do Camiño de Inverno en todas as comarcas galegas do trazado e, en moitos lugares, esa sinalización non se corresponde co trazado publicado no Plan Básico Autonómico. Por esta cuestión, e máis aló da necesaria incorporación aos Plans Xerais de Ordenación Urbana do trazado do Camiño de Inverno é preciso un paso previo de demarcación por parte da Xunta de Galiza”.

Neste senso, a moción do BNG pide no apartado de acordos que o Concello do Barco inste á Xunta de Galicia a “incoar procedemento de delimitación do trazado do Camiño de Inverno en virtude do artigo 76 da Lei 5/2016 do 4 de maio, de Patrimonio Cultural de Galicia”, e tamén que se promova “a modificación do Plan Básico Autonómico corrixindo o trazado do Camiño de Inverno aló onde xurdan discordancias co trazado entre o trazado inicialmente previsto e o definido na delimitación definitiva do mesmo”.

Moción sobre peaxes nas autovías galegas

No pleno ordinario deste xoves no Barco o BNG tamén defenderá unha moción relativa ás peaxes nas autovías galegas. Nese senso, Suso Vilasánchez plantexará ao pleno que se amose “a rotunda oposición do Concello do Barco de Valdeorras, á intención do goberno central de establecer peaxes nas autovías de titularidade estatal, por considerala unha medida regresiva que establece barreiras económicas no acceso á servizos básicos como son as infraestruturas viarias, porque incrementa a inseguridade viaria e porque supón un atranco para o desenvolvemento económico e a cohesión social de Galiza”.

 

Artigos relacionados

Back to top button