CulturaCulturaÚltima hora

A Morena volverá baixar dende Cimadevila ata a praza da Picota, en Laza

O Luns Borralleiro é o día máis animado neste Entroido, coa xitanada dos burros, as formigas e a baixada deste tradicional personaxe
A Morena embestindo á xente o Luns Borralleiro, en Laza. /Foto: Carlos G. Hervella.

A praza da Picota e Cimadevila. Son os dous puntos nos que se concentran a maioría dos actos vencellados ao Entroido en Laza e é no segundo, onde cada Luns Borralleiro unha multitude curiosa e ansiosa agarda dende primeira hora da tarde a baixada da Morena.

Os primeiros en saír son os cobelleiros. Xunto a eles, veciños con sacos de formigas e outros con grandes toxos. De súpeto, a Morena, máscara, con face de madeira e cornos, fai a súa aparición, arremetendo contra todo aquel co que se atopa. Desátase entón a forza e ritualidade da festa, nun intenso percorrido ata a praza da Picota, marcado por unha chuvia de formigas e polos toques dos toxos. Cobra así vida unha tradición que conservan con sumo coidado os veciños de Cimadevila.

 

Unha multitude de xente agarda pola Morena na praza da Picota. /Foto: Carlos G. Hervella.

A orixe atopámola nunha antiga historia que conta como unha vaca escapada do barrio, perseguía aos veciños tentando levantarlle a saia ás mozas. Dende entón, A Morena fai o propio, chegando á praza onde persegue á xente, especialmente ás mozas, embestindo e protagonizando un divertido encontro.

Xunto e este pícaro personaxe, aparece asemade o burro co xinete a lombos. “Os membros da comitiva da Morena son os que o escollen e trátase dunha persoa de fóra do pobo, normalmente unha muller á que convencen, non sei moi ben como, para que monte na burra e os acompañe ata a praza sen saber co que se vai atopar”, explica unha veciña de Cimadevila, que vive este Entroido rural único.

Máis información na revista Entroido en Galicia 2018 do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button