
Conclúe o intercambio cultural arxentino-ourensán que nas últimas semanas realizaba o recoñecido mestre escultor arxentino Carlos Moreyra na provincia de Ourense. Era un periplo que este creador, acompañado polo profesor Leonardo Corazza e pola artista Laura Duben (tamén arxentinos), encetaba o 14 de setembro no Barco co espectáculo “El Barro y yo”.
Días despois, impartía un obradoiro de muralismo en Vilamartín no que se realizaba un mural que será inaugurado na tarde do 7 de outubro no Bañadoiro ás 20:30h., un acto no que ademais os asistentes poderán bautizar esta singular obra, que rende tributo á cultura do viño valdeorresa.

E xa na tarde do 6 de outubro daba unha conferencia no Centro Cultural Ángel Valente na que explicaba o armado e orixe dos fornos aborixes de distintas comunidades do continente americano. Asemade abordaba as actividades desenvolvidas nestes días na provincia.
Este intercambio cultural internacional ten sido promovido pola Asociación de Artesáns de Ourense en colaboración con Laurarte. Centro Artístico da Pedra.