EconomíaEconomíaÚltima horaVídeos

Multitudinaria inauguración da XV Feira do Viño de Monterrei

 

Do 12 ao 14 de agosto Verín acollerá a XV Feira do Viño da Denominación de Orixe Monterrei, na que participan un total de 18 das 28 adegas que conforman a denominación, unha máis que no 2019, “o que demostra que, tras dous anos sen celebración pola crise sanitaria do Covid-19, o sector segue apostando por esta cita vitivinícola que para nós ten unha gran carga emocional”, destaca a presidenta o Consello Regulador da D.O. Monterrei, Lara Da Silva Rodríguez; “por iso volvemos con máis forza e ilusión se cabe, e esperamos que o visitante poida degustar todo o traballo e esforzo realizado nos últimos anos”.

A inauguración, un acto multitudinario que tiña lugar na noitiña do venres 12 de agosto, contou entre outras autoridades, coa presenza do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, quen puxo en valor o papel desta celebración e da propia denominación de orixe como axentes impulsores do sector vitivinícola no plano galego e nacional, así como o compromiso da Xunta con este eido mediante ferramentas como a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, coa calidade como base do crecemento.

 

Brindis das autoridades presentes na inauguración.

 

Cabarcos, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, así como polo alcalde de Verín Gerardo Seoane, pola presidenta do C.R.D.O. Monterrei Lara Da Silva, pola directora do Inorde Emma González e pola deputada do BNG Noa Presas, entre outros, comezou a súa intervención aludindo ao gran progreso rexistrado polos viños da zona dende o establecemento do Consello Regulador da denominación de orixe Monterrei a mediados dos anos 90, así como ao rol destacado da feira deste ano como mostra da fortaleza do sector tras dous anos de pandemia.

José Luis Cabarcos tamén reafirmou o compromiso da Xunta coa calidade no sector. A calidade é, segundo o director, o instrumento clave para diferenciar o produto galego e, neste caso, da denominación de orixe Monterrei. Cabarcos aludiu por isto á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, e en particular ao proceso de recuperación das variedades autóctonas mediante accións como o establecemento de polígonos de viñedo. Nesta mesma liña, fixo referencia tamén á futura Lei da calidade alimentaria que impulsa a Xunta como un texto que marcará un antes e un despois na ordenación, fomento e promoción das producións galegas de calidade diferenciada.

 

A presidenta do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Lara Da Silva.

 

Trala lectura do pregón a cargo de Paula Vázquez Rocha, técnico da Oficina Agraria Comarcal de Verín e amenizado pola Banda de Gaitas do Concello de Verín, comezaba un amplo programa no que cultura, gastronomía, música e viño van da man.

O prato forte musical da mostra está reservado para hoxe 13 de agosto na praza García Barbón, ás 23:30 horas, da man de Ruth Lorenzo. Tamén hoxe actuará a Orquestra Claxxon en dous horarios diferentes: de 22:30 a 23:30 horas; e de 01;30 a 03:30 horas da madrugada do domingo.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button