CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Música electrónica en San Clodio (Ribas de Sil)

Uto Karem e Dosem cabezas de cartel do II festival Technosil o 1 e 2 de agosto
Unha das actuacións de Technosil./ Foto: Carlos G. Hervella.
Unha das actuacións de Technosil./ Foto: Carlos G. Hervella.

En 2013, tres empresarios lucenses decidían apostar pola capitalidade de Ribas de Sil para organizar a primeira edición do festival de música electrónica Technosil que contaba cun presuposto de 6.000 euros e dj’s nacionais e internacionais. Un ano despois Germán Álvarez, José Manuel Álvarez e José Manuel Rodríguez, non só organizaron a segunda edición de Technosil senón que triplicaron o presuposto, aumentando o caché do festival a tódolos niveis: de artistas, de capacidade, de iluminación e de son.

“Decidimos lanzarnos un pouco máis para subir o nivel do festival porque senón as axencias non che ceden aos artistas de primeiro nivel que é o que nós queremos para consolidar isto e que teña continuidade” di Germán, explicando que nesta ocasión aumentaron o cartel e contarán con 17 dj’s dos cales cinco son de primeira liña, aumentando tamén de un a dous días. Así pois o 1 e 2 de agosto, a praza do Concello de San Clodio (Ribas de Sil) acollerá a segunda edición de Technosil, o festival de música electrónica á beira do Sil, baixo unha carpa de 1.500m2 e capacidade para unhas 5.000 persoas “con tódolos servizos obrigatorios para este tipo de eventos, que son moitos, dende o tema de seguridade, baños,…”.

O son e a iluminación correrán a cargo dunha empresa de Ponferrada (León) e rondará os 40.000 watios de potencia fronte aos 12.000 do ano pasado. Asemade dende a organización tentarán habilitar unha zona de acampada na área recreativa á beira do río, un dos principais reclamos turísticos do Concello de Ribas de Sil que apoia e colabora co festival “no tocante á permisos e loxística porque o apartado económico corre integramente pola nosa conta” puntualiza Germán.

O prezo das entradas será de 20 euros con consumición para os dous días, que se quedará en 17 en venda anticipada.
E en canto aos artistas que pasarán polo escenario de San Clodio, atopamos unha selección de recoñecidos dj’s tanto do panorama nacional como internacional. Como cabezas de cartel, Uto Karem (Italia) e Dosem (Barcelona), así como o dúo belga Filterheadz moi coñecido no mundo da música electrónica. Tamén haberá dj’s chegados dende Madrid e Ponferrada, e por suposto unha ampla selección de artistas galegos, varios chegados dende Lugo, e tamén Vilagarcía, Quiroga ou A Rúa.

Con este cartel, Germán Álvarez asegura que “pasamos a ser o segundo festival destas características de referencia en Galicia, o único en Lugo e Ourense”.
ARTISTAS
– Uto Karem (Italia)
– Dosem (Barcelona)
– Filterheadz (Bruxelas)
– Gabriel D’or & Bordoy (Madrid)
– Fernando Mesa (Lugo)
– Darkrow (Lugo)
– Óscar Vizcaíno (Lugo)
– Toni Llamas (Ponferrada)
– Beat Polar (Monforte)
– Mathias Álvarez (Vilagarcía)
– Elías (Quiroga)
– Maceda (Monforte)
– Brais Llano (Lugo).
– Carra (A Rúa).
– Dávila (Quiroga).
– Fraggle Row (Torbeo).
– Fro (Froxán).

Texto: Mónica G. Bellver Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil)

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button