CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Música por un monte vivo nos “concertos expansivos” da Rebusca en Manzaneda

Na noite do 4 de novembro actuaban Maskarpone, Cé orquestra pantasma e Leo e Arremecághona e dábase lectura a un manifesto

“Grazas pola música, polo baile, pola foliada, pola regueifa, polas contadas, polos deseños, polas fotos, polo manifesto, por asistir, por doar, por berrar, por abrir as portas dos locais…”. É a mensaxe de agradecemento que veñen de colgar na rede os promotores dos “Concertos Expansivos por un Monte Vivo” que se desenvolvían, simultaneamente, na tarde e noite do 4 de novembro en varios locais de Galicia e nos que se xuntaba un total de 1.861,30 euros.

Entre as salas que acollían estes eventos “solidarios e reivindicativos” había tres ourensás. Unha delas era a da Rebusca en Manzaneda, na que se recadaban un total de 210 euros. Nela actuaban Maskarpone, Cé orquestra pantasma e Leo e Arremecághona.

No decurso deste acto musical procedíase tamén á lectura dun manifesto, no que se aseguraba, entre outras cuestións, que “estamos fartas de que se lle viren as costas ao rural” e de que “non se dean as posibilidades, servizos, emprego e comunicacións que necesitamos para vivir e dinamizar de verdade o corazón das provincias rurais galegas, que son o corazón ecolóxico do país. De que alí só se semente combustible para os nosos montes”.

Por iso, pedían ao final do manifesto, que se “poñan as medidas necesarias para a repoboación con especies frondosas autóctonas”, que se dote ás “comarcas rurais de medidas e oportunidades para fixar poboación e evitar así o abandono das terras e montes”, que “a extinción de incendios deixe de ser un negocio e se converta nun medio que sirva a todos/as” e que dende o goberno “se traballe na conciencia ecolóxica”.

Ao mesmo tempo noutros dous locais ourensáns celebrabánse concertos expansivos. Un deles era o Pueblo Café Cultural, coa música de Ménage à trois grupo, Blues do País, The Tetas Van e O Sonoro Maxín. Aí a recadación era de 825,10€. Os promotores desta iniciativa tamén amosan o seu agradecemento “a toda a xente que colaborou activamente na realización do Concerto Expansivo por un Monte Vivo. Só agardamos non ter que repetir unha iniciativa destas características e que #NuncaMáis volva arder o monte”.

Os cartos reunidos serán destinados “integramente aos colectivos ecoloxistas Salvemos Catasós, Adega, Amigos da Terra, Amigos das Árbores da Limia e Amigas das Árbores de Ourense”.

Fotos cedidas pola A.C. A Rebusca.

Artigos relacionados

Back to top button