CulturaCulturaÚltima hora

Música, solidariedade, contos e deporte no Nadal de San Xoán de Río

O Concello vén de presentar o programa de actividades, promovido en colaboración coa Asociación RíoMola

O Pandigueiro na súa visita a Río no pasado Nadal./ Foto: A.C. A Caniceira.

 

O Concello de San Xoán de Río vén de presentar o programa de actividades deste Nadal, que promoverá en colaboración coa Asociación Cultural RíoMola. “É unha mestura de tradición e solidaridade, centrando as actividades nos mais cativos”, indica o seu alcalde, Xosé Miguel Pérez. Así entre as propostas non falta a música, nin o deporte.

Ademais dos actos propios de Río, no seu programa tamén se inclúen actividades programadas co Concello de Trives, unha decisión que responde a tres motivos: “os nosos cativos van ao colexio a Trives, polo tanto o lóxico é que desfruten cos seus compañeiros de clase nestes días especiais para eles”, tamén “queremos evitar duplicidade de actos, garantir o éxito do evento e reducir custes”, e, finalmente, “acostumar á xente a unha axenda supramunicipal, conseguindo unha axenda anual conxunta máis potente e fomentando a asistencia dos nosos veciños a actividades dos concellos veciños”.

Neste senso, a programación de Río para o vindeiro Nadal será a seguinte:

21 de decembro (19:30h – Centro Social): 1ª Gala Musical Solidaria coa Pegada Verde. O sábado 21 xuntamos a música de artistas locais e a solidariedade cos animais para crear esta 1ª Gala Musical Solidaria coa Pegada Verde.

“Melín de Abelaido será o protagonista dunha gala na que debutarán os Gaiteiros RíoMola, a primeira fornada de novos gaiteiros da recién creada Banda de Gaitas de San Xoán de Río. Ari, Vanesa, Antía, Isabel e Miguel tamén actuarán na gala. Como entrada para a gala será necesario entregar pienso para cans e gatos para a Protectora de Animais a Pegada Verde. Venden piensa na tenda da Itas, por se hai algún despistado”, adiantan dende o Concello.

 

 

27 de decembro: Visita a Pazolandia.
28 de decembro (16:00h – Polideportivo): III Fútbol Solidario. “Para entrar no polideportivo é necesario entregar polo menos 1 kg de alimentos non perecedeiros para o Banco de Alimentos de San Xoán de Río. A partir desa hora desputaranse varios partidos para todos os niveis co único propósito de pásalo ben e pasar un bo rato”, din os seus promotores.

31 de decembro (11:00h – Praza Pedro Fernández) – III Carreira San Silvestre.
A pe ou correndo, os participantes, con prendas de Nadal, participarán nesta 3ª edición desta carreira. Todos os participantes degustarán uns pinchos da zona e brindarán con champán unha vez finalizada a proba.

4 de xaneiro (16:00h – Centro Social) – Conto do Pandigueiro dos Bosques.
O grupo de teatro da AC A Caniceira da Pobra de Trives interpretará un conto sobre o Pandigueiro, esta persoaxe do Nadal galego.

5 de xaneiro (16:00h – Centro Social) – Cabalgata de Reis. “Trala visita dos Reis Magos a Residencia da Terceira Idade de San Xoán de Río, terá lugar a tradicional Cabalgata dos Reis Magos polas rúas do concello ata rematar no Centro Social. Ó remate haberá unha chocolatada para todos os presentes”, informan dende o Concello.

Finalmente, o martes 7 de xaneiro farase unha visita ao programa “Bamboleo” da televisión galega.

 

Artigos relacionados

Back to top button