Unha vez máis AMAVA poñía a nota musical á noite do venres na Rúa, celebrando a entrada da primavera cunha actuación en vivo no Escondite Inglés onde se xuntaba máis dunha vintena de músicos da asociación para “facer soar os seus instrumentos e voces ante un público entusiasta que gozou de máis de dúas horas de música en directo, de diferentes estilos pero cun denominador común: a paixón e as ganas de compartir”, aseguran.
Desde a “mocidade e vigor dos 15 anos aos máis veteranos que peitean canas”, os músicos puxeron enriba do escenario as súas interpretacións, compartindo experiencias e momentos únicos, porque o bo destes momentos non é a rivalidade nin o virtuosismo senón o “compartir, gozar e facer gozar e, sobre todo, aprender e o que se denomina no argot artístico “facer táboas”, din dende AMAVA, ratificando o seu agradecemento aos propietarios do local, Santi e Vero,e ao excelente público asistente á jam session.
“Debería haber máis locais que desenvolveran música en directo e que o extraordinario se convertese en cotián”, din dende a asociación, lamentando que “igual que imitamos outras absurdas modas estranxeiras esta parece que se resiste pero non perdemos a esperanza”.
Na noite do 21 de marzo actuaban Nerea Jiménez, María de Larouco, Scala, Seika, El Patio de Leni, Edu, David, Ramón, Dani de Green Angels,… quedando aberta a porta para a seguinte jam session ao resto para que “viva a música viva”.
Fotos e vídeos cedidos.