ConcellosÚltima horaVídeos

“Na gandería hai que loitar moito, pero se realmente che gusta, non é imposible vivir dela”

Alba Rodríguez, moza de Valdín que participa co gando familiar na 2º Exposición Agrícola e Gandeira de Trevinca (A Veiga)

 

Con gando vacún e caprino participa Alba Rodríguez, veciña de Valdín (A Veiga), na 2ª Exposición Agrícola e Gandeira de Trevinca. “A gandería é dos meus pais”, comenta esta moza de 23 anos que amosa a súa paixón polo gando. “Trouxemos estes animais de exposición: 2 vacas frieiresas, o boi freirés, 2 vacas limusinas e 4 cabras, dúas delas as brancas son brancaceltibérica, hai outra murcianogranadina e unha cuarta cruzada. Tamén viñen cunha egua albina”, detalla.

A familia de Alba Rodríguez posúe unha gandería de tamaño mediano dentro das existentes no municipio da Veiga, cunhas 100 cabezas en total entre gando adulto, novo e femias. En cambio, as cabras “témolas para limpeza de fincas e porque nos gustan”.

 

 

Esta moza conta que está formándose fóra da Veiga e que lle encanta “o gando, eu sempre que podo estou axudando aos meus pais, pero non o vexo como unha obriga, fágoo porque me gusta e veño moi a gusto todas as fins de semana a facelo porque é unha actividade coa que desfruto moito. Gradueime o ano pasado en Bioloxía e agora estou estudando veterinaria como a miña mai”.

 

 

Di que incorporarse de cero á gandería é algo complexo, pero non imposible. “Á xente moza diríalle que non é algo fácil porque non cho dan todo mastigado e hai que loitar moito, pero que se realmente che gusta non é imposible e, se realmente se colle con ganas conséguese e dase vivido do que che gusta. Eu se quixera seguir coa gandería dos meus pais xa o tería todo listo, as instalacións, os animais e a maquinaria, pero alguén que queira empezar de cero teno moi crudo porque supón moito investimento, pero pódese facer e se realmente che gusta isto, hai que animarse e ter ilusión”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button