OurenseÚltima hora

No acto institucional do Día da Patroa da Garda Civil en Ourense entregábanse 24 condecoracións

 

Cunha misa ás 12h. na Catedral de Ourense iniciábanse na cidade os actos de celebración do Día da Patroa da Garda Civil, a Virxe do Pilar. Posteriormente tiña lugar un acto institucional no que se procedía tamén á entrega de condecoracións e que estaba presidido polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e polo tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Ourense, Rafael López. Neste acto facíase entrega de 24 condecoracións, 18 delas a membros da Garda Civil e 6 a persoas cunha especial vinculación co Corpo.

Durante a súa intervención, o subdelegado do Goberno en Ourense eloxiou o labor solidario e humanitario realizado polos axentes do Corpo na provincia dende o mes de marzo de 2020 para facer fronte á crise sanitaria. “O voso traballo foi determinante para que a sociedade ourensá fose gañando terreo á COVID-19. Sodes exemplo de compromiso e responsabilidade individual e colectiva”, expresou Emilio González. Ademais trasladou o recoñecemento e o agradecemento a todos os membros da Garda Civil e do resto de forzas e corpos de seguridade pola profesionalidade e esforzo demostrados na protección da cidadanía durante estes meses.

Así mesmo, Emilio González destacou que o traballo que desenvolven diariamente os membros da Garda Civil en Ourense “fai que os cidadáns e as cidadás teñan en alta estima e consideración o voso labor” e resaltou que cumpren “un papel fundamental para garantir a convivencia en paz da sociedade”.

Neste sentido, engadiu que a Garda Civil é un corpo de seguridade clave para proporcionar a mellor das respostas ás ameazas e aos desafíos actuais. “Os homes e mulleres que formades parte da Garda Civil sodes actores de primeiro orde no Modelo de Seguridade 2030 que o Goberno de España prantexa e que parte de entender que a seguridade é un ben público”, sinalou.

No seu discurso, Emilio González tamén se referiu ao Plan Estratéxico 2021-2024 que incorpora novos retos aos que a Garda Civil debe facer fronte, como a protección fronte a pandemias e a epidemias; a ciberseguridade e a loita contra a ciberdelincuencia; a loita contra o racismo e os delitos de odio; ou o Plan de Acción contra a Violencia sobre a Muller, con obxectivos como a mellora dos protocolos de atención ás vítimas. No tocante á Seguridade Cidadá e co obxectivo de proporcionar un servizo máis áxil, eficaz, transparente e de maior calidade, o Plan Estratéxico 2021-2024 avanza na transformación dixital do Corpo.

O subdelegado do Goberno apuntou á necesidade de seguir aumentando o número de efectivos, lembrando que este reforzo xa está contemplado no Plan de Medidas do Goberno ante o Reto Demográfico e que a última convocatoria de emprego público prevé máis de 2.000 prazas na escala de cabos e gardas civís.

Finalmente, Emilio González concluíu a súa intervención reiterando o agradecemento ás mulleres e homes que forman parte de Garda Civil polo seu compromiso diario co servizo público e animounos “a seguir traballando con transparencia e proximidade á cidadanía”.

Artigos relacionados

Back to top button