A menos dun mes para que remate o curso escolar e coas ligas xa finiquitadas os clubs deportivos presentan as súas propostas de deporte e ocio para que os máis pequenos da casa na tempada estival.
No caso do CD Barco, son tres os campus que organiza ou colabora en gran medida. Un é o feminino que celebrará a III edición en Vilamartin de Valdeorras; e os outros, mixtos, celebraranse un ano máis no Campiño de Viloira (O Barco) e no Complexo O Bañadoiro de Vilmartín.
No que atinxe ao Campus de Fútbol-Verán CD Barco 24 continuarán co novo formato de sempre ao longo de tres semanas: do 24 ao 28 de xuño, do 1 ao 5 de xullo e do 15 ao 19de xullo en horario de 9:45 a 13:45 horas. Coma sempre haberá grupos de traballo por idade e niveis (de 4 a 16 anos) e contará con adestramentos de fútbol, xogos populares, torneos, mini paintball, tiro con arco, festa da escuma,…
Con respecto ao 5º Campus Deportivo-Fútbol Ocio e Deporte Vilamartín 2024, será nunha única semana do 8 ao 13 de xullo. A base do campus será o fútbol con adestramento personalizado para mellorar a técnica individual, pero ao longo da semana, en horario de 9:45 a 13:30 e de 16:30 a 18:45 horas, tamén haberá tempo para unha manchea de actividades. Bádminton, tiro con arco, ping pong, pádel, tenis, baloncesto, paintball, sesións de piscina, escape room e inchábeis, forman parte do programa, incluíndo como novidades un túnel do terror e bubble fútbol.
Os asistentes ao campamento, de 5 a 17 anos, tamén serán distribuídos por grupos de idade e nivel.