SanidadeÚltima hora

No Hospital de Ourense diagnostícase unha media de 200 novos casos de cancro de mama, a maioría cun diagnóstico precoz

“Pechando filas co paciente” este é o lema da campaña coa que hoxe o persoal de todas as profesións e servizos implicados co diagnóstico e tratamento das pacientes de cancro mama no Hospital Universitario de Ourense queren mostrar o seu apoio e poñer en valor o traballo en equipo para pechar as fendas na asistencia

 

“Pechando filas co paciente” este é o lema da campaña coa que hoxe o persoal de todas as profesións e servizos implicados co diagnóstico e tratamento das pacientes de cancro mama no Hospital Universitario de Ourense queren mostrar o seu apoio e poñer en valor o traballo en equipo para pechar as fendas na asistencia.

No Hospital Universitario diagnostícase unha media de 200 novos casos, a maioría cun diagnóstico precoz o que eleva as posibilidades de curación ao 90%, e moitas pacientes poden recibir o seu tratamento e consultas directamente nos hospitais públicos de Verín e Valdeorras, máis preto da súa casa e evitando desprazamentos periódicos.

No que vai de ano 604 pacientes, na súa maioría mulleres, pero tamén hai homes, accederon a vía rápida de cancro de mama, que permite que axilizar a primeira consulta en caso de sospeita por parte do seu médico de cabeceira ou outros especialistas, nun máximo de dous días, o que adianta os prazos dos estudos diagnósticos e tratamento de ser preciso.

O traballo en equipo é clave, e por elo os profesionais directamente implicados no seu diagnóstico e tratamento desde os servizos e unidades de Oncoloxía Médica, Oncoloxía Radioterápica, Unidade de Radiodiagnóstico de Mama, Unidade de Cirurxía de Mama, Anatomía Patolóxica, Medicina Nuclear e Farmacia do Hospital Universitario de Ourense queren enviar unha mensaxe de esperanza e tranquilidade ás mulleres que afrontan este proceso asistencial para o que o Servizo Galego de Saúde conta cos medios para tratalo rápida e eficazmente.

Detección Precoz e investigación

Nos últimos anos incremento da detección precoz, avance dos medios diagnósticos e terapéuticos, mellora do abordaxe e coordinación multidisciplinar, protocolización dos procesos e o alto grao de implicación de tódolos servizos, permite tratamentos individualizados á medida das necesidades e características de cada paciente e, na maioría de casos, cunha resposta cirúrxica conservadora.

A mellora dos resultados no cancro de mama son imparables pero é preciso seguir poñendo o acento na prevención, nos hábitos de vida saudables, e por suposto participando na campaña de detección precoz de cancro de mama da Consellería de Sanidade cando se é convocada; xa que a realización dunha mamografía de control segue a ser o método mais eficaz de detección. Asemade é clave avanzar na investigación.

Técnicas como o ganglio centinela e a mellora das técnicas diagnósticas permite detectar cada día con maior precocidade estes tumores, incrementando o número de lesións non palpables (microscópicas ou indetectables ao tacto) Esta detección precoz eleva as posibilidades de supervivencia ata niveis de un 90 por cento dos casos.

Desde o servizo de Oncoloxía Médica, na actualidade ofrécense en Ourense a totalidade de tratamentos existentes, dándose unha resposta individualizada a cada muller, adaptando os tratamentos quimio-hormonoterápicos a cada caso, variando as secuencias de estes, cada día mais efectivos, en función das características de cada patoloxía.

Agora mesmo o Hospital Universitario de Ourense ten múltiples liñas de investigación abertas, entre as que destaca a súa participación nun ambicioso proxecto internacional para mellorar a calidade de vida e afondar no seguemento dos e das pacientes recuperadas de cancro, mediante o emprego da intelixencia artificial e aplicación da análise de gran volume de datos (Big Data).

“Persist”, como se denomina o proxecto, ten unha importante presencia galega, xa que ademais de ser o de Ourense o único hospital español participante, o centro tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo, foi designado como coordinador deste consorcio internacional, que está apoiado pola Unión Europea (UE), a través do programa Horizonte 2020 (H2020), cun financiamento de 5 millóns de euros e conta coa participación doutras doce entidades internacionais.

Neste macro proxecto de investigación estase a realizar un seguemento de 160 pacientes voluntarios, 40 deles do Servizo de Oncoloxía do Hospital Universitario de Ourense, recuperados dun cancro de mama ou colorectal, os dous dos mais frecuentes. O resto de pacientes participantes foron seleccionados no Centro Clínico Universitario de Maribor (Eslovenia), o Centro Hospitalario Universitario de Lieja (Bélxica) e o Instituto de Medicina Preventiva e Clínica da Universidade de Latvia (Letonia).

Artigos relacionados

Back to top button