PolíticaÚltima hora

Noa Presas (BNG) reclama “máis medios e un plan específico contra os incendios” en Ourense

A demanda tiña lugar co incendio no municipio de Verín, o terceiro no que vai de ano, aínda activo
A deputada ourensá do BNG, Noa Presas.

A deputada por Ourense Noa Presas solicita que “a Xunta dispoña de xeito inmediato de máis medios para loitar contra os incendios na provincia ourensá, que nestes momentos soporta un lume que xa devorou 1.200 hectáreas en Verín e concellos limítrofes.”

A parlamentaria advirte contra un “agosto negro” en Ourense e lembra que “o Bloque reclamou máis medios fai apenas uns días alertando do que podía pasar”, dixo, tras transmitir o apoio dos seu partido “a todas as persoas afectadas e o recoñecemento ás brigadas contra o lume”.

“Quero transmitir o apoio a todas as persoas afectadas polo lume nos concellos de Verín e de Vilardevós, e o noso agradecemento a todas as persoas que están participando nas brigadas de extinción do lume que están a facer un traballo ímprobo para acabar co incendio que é o que toca agora mesmo”, salientou Presas. Pero ao minuto seguinte de que as lapas estean apagadas “hai que sentarse e avaliar a situación”, indicou, tras salientar que fai apenas uns días o Bloque reclamaba máis medios “solicitando un reforzo nos medios materiais e humanos do dispositivo porque os lumes da pasada semana no que arderon máis de 300 hectáreas alertaban xa dun agosto negro”.

Igualmente, a deputada nacionalista volveu reclamar un Plan específico para Ourense de loita contra os incendios. “Ourense ten unhas condicións diferenciadas como é o abandono dunha parte moi significativa do seu territorio que está, literalmente, a monte”, indicou, “ademais das condicións meteorolóxicas adversas caracterizadas polas altas temperaturas”, alegou, “aínda que este verán por fortuna foron ata agora máis moderadas”.

Artigos relacionados

Back to top button