PolíticaÚltima hora

Noela Blanco preséntase á secretaría provincial do PSdeG-PSOE

A deputada propuxo a súa precandidatura tras o anuncio de Raúl Ferández, actual secretario, de que non se vai presentar ao cargo no vindeiro congreso
Noela Blanco estivo arroupada por diferentes compañeiros. // Foto: Carlos Asensio.

Grandes cambios dentro do PSdeG-PSOE provincial. O, até o de agora, secretario provincial da agrupación, Raúl Fernández, anunciou hoxe, 15 de novembro, que non se vai presentar á reelección para dirixir o PSOE ourensán neste terceiro congreso e, tras este anuncio, a deputada pola provincia no Parlamento de Galicia, Noela Blanco, presentou a súa precandidatura para ocupar o posto que deixa libre Fernández.

Raúl Fernández asegurou, en rolda de prensa, que esta decisión foi “pensada e meditada” e reiterou que marcha “coa sensación do deber cumprido”. Neste senso dixo que “tentei sempre respectar as decisións dos militantes da provincia”. Fernández no se quixo despedir sen personalizar o seu agradecemento a María Quintas, responsable de organización e “unha persoa imprescindible para o traballo que me tocou facer”, dixo. Por outra banda, foi crítico ao asegurares que os socialistas “perdemos peso na provincia” e achacouno “á falta de unidade de acción fronte a esa discriminación positiva que precisamos das administracións”. Por este motivo, reiterou que o futuro candidato “debe de comprometerse a ter como principal obxectivo o de establecer unha mesa de diálogo co partido”, asemade, para o xa ex secretario provincial, este futuro candidato “debe minimizar as diferenzas e resaltar as fortalezas” e resaltou que debe de ter a cualidade do diálogo.

Raúl Fernández. // Foto: Carlos Asensio.

Pola súa banda, a deputada socialista pola provincia no Parlamento galego, Noela Blanco, aproveitou a ocasión para anunciar a súa precandidatura á secretaría provincial. Blanco arrancou a rolda de prensa dicindo que se sente “abrumada pola responsabilidade que isto conleva” e que non se presenta “por tacticismo”. A deputada estivo arroupada por diferentes compañeiros durante a súa comparecencia e explicou que se presenta porque “cando me presentei a deputada hai un ano obtiven un apoio maioritario na provincia de Ourense” asumindo o compromiso pola provincia, dixo, “con orgullo”.

Ante o futuro, Noela Blanco asegura que ten “ilusión” e reiterou que se sente con forzas para asumir este reto que se lle plantexa. A socialista asegurou que o seu aval máis grande “é a década de militancia que me fixo coñecer esta organización política a nivel local, provincial e autonómico” algo que, para a deputada , “é clave”.

Noela Blanco e Raúl Fernández na sede provincial do PSOE. // Foto: Carlos Asensio.

Noela Blanco reiterou que o seu inimigo político “é o Partido Popular e a súa presenza na provincia”, algo que cualificou de “arraigado caciquismo” reiterando que o PSdeG-PSOE ten que dicir non “a esas políticas que nos trasladan a séculos pasados”. As intencións que ten Noela Blanco, de saíres elixida secretaria provincial, “é mudar a situación en que se atopa este partido” por este motivo “non me presento contra ninguén” por iso apelou á unidade.

Momento no que Noela Blanco presenta a súa solicitude de precandidata. // Foto: Carlos Asensio.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button