EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Non sae adiante a moción que pedía un “plan único” no reparto de fondos da Deputación aos concellos

Presentábase de forma conxunta por BNG, DO e PSdeG pero resultaba rexeitada nun pleno extraordinario no que si saía adiante unha emenda do PP que acordaba manter os actuais criterios e reprobar ao presidente da Fegamp, o alcalde barquense Alfredo García
Un dos momentos da sesión plenaria, presidida por Manuel Baltar.

Un “plan único” e “criterios obxectivos” no reparto aos concellos dos fondos da Deputación. Era o que pedía a moción que de forma conxunta se presentaba por parte dos grupos provinciais do BNG, PSdeG-PSOE e Democracia Ourensá (DO) no pleno extraordinario que a Deputación de Ourense celebraba na mañá do 9 de agosto. Sen embargo, este único punto da sesión, non saía adiante ao votar en contra os 13 deputados do PP.

En cambio si se resultaba aprobada cos votos populares a emenda de substitución presentada polo PP, que supón continuar co sistema actual de reparto, dando así “cumprimento ao Plan de mandato Ourense 15-19” e que incluía reprobar ao presidente da Fegamp e alcalde do Barco, Alfredo García, “pola utilización sectaria e partidista da Fegamp”. Nesta última votación os deputados da oposición levantábanse dos seus escanos como medida de protesta.

 

O voceiro do BNG, Ramiro Rodríguez.

Este pleno provincial comezaba coa exposición da moción por parte do voceiro nacionalista na Deputación, Ramiro Rodríguez, quen aseguraba que este “é un dos debates máis importantes que se vai dar nesta casa xa que afecta ao financiamento dos concellos, tendo en conta que dentro dun mes se debatirán os orzamentos provinciais do ano que vén”. O deputado do BNG referíase aos “vicios e carencias do método actual de reparto que se basea na discrecionalidade”. Tamén se refería ao sistema de distribución de fondos que se aplica nas outras tres deputacións galegas e á necesidade de adoptar “un sistema máis xusto de reparto e baseado en criterios obxetivos” na de Ourense. Eses criterios serían a poboación, o número de núcleos ou envellecemento, entre outros.

Así a moción presentada de forma conxunta polos grupos da oposición na Deputación pedía que “no vindeiro orzamento, tendo en conta os criterios de reparto xa establecidos pola Fegamp, se faga o reparto aos concellos da provincia a través dun plan único de investimentos que se sitúe na fronteira dun terzo do total do orzamento, como xa fan as restantes deputacións galegas”.

 

O voceiro de DO, Armando Ojea.

De seguido interviña o voceiro de DO, Armando Ojea, incidía en que “existen sesgos clientelares na distribución de fondos provinciais” e aseguraba que “o diñeiro que reciben os concellos da Deputación debería ser máis e atender a criterios razonais e obxectivos. De xeito semellantes se manifestaba o voceiro socialista, Francisco José Fraga Civeira, asegurando que “non pode ser que a maioría dos fondos se repartan a dedo ou con subvencións nominativas. É inxusto que os cidadáns se atopen con esta discriminación, xa que contribúen a aportar os fondos”.

 

O voceiro socialista na Deputación, Francisco José Fraga.

Con respecto á emenda de substitución presentada polos populares, os tres voceiros da oposición coincidían en que “non ten ningún tipo de sentido” e en que o seu obxectivo era ser “unha cortina de fume” para “desviar a atención” sobre o debate central: a distribución de fondos.

 

O voceiro do PP, Plácido Álvarez.

Pola súa banda, o voceiro do PP, Plácido Álvarez, defendía a xestión da Deputación calificándoa de “modélica” e criticaba que a moción non se levase con anterioridade a outros plenos, “non está presentada no tempo correcto”. Tamén lembraba a maioría absoluta do PP outorgada polos cidadáns da provincia. “Se queren aplicar outros programas de goberno, preséntenos, ganen as eleccións e aplíquenos. Non nos veñan impoñer outros criterios de goberno”, engadía.

 

Imaxe da votación da emenda de substitución, presentada polo PP.

Na súa última intervención, o voceiro nacionalista reiteraba de novo a petición dun “plan único que agrupe todos os plans da Deputación e cun financiamento estable e que axude a todos os concellos. Isto non se pecha aquí, é un debate que se vai dar nos concellos porque é unha cuestión fundamental que está sobre a mesa”.

Finalmente sometíase á votación a emenda de substitución que saía adiante cos 13 votos do PP. Nese momento os deputados da oposición levantábase dos seus escanos en sinal de protesta, mentres boa parte dos alcaldes ourensáns que seguían o pleno nos asentos do público, entre eles o presidente da Fegamp, abandonaban o salón. De seguido votábase a moción da oposición, que resultaba rexeitada ao contar só 10 votos, fronte aos 13 do PP.

 

Votación da moción presentada pola oposición na Deputación.

 

Máis información:
https://osil.info/falar-de-criterios-de-reparto-de-fondos-provinciais-de-xustiza-distributiva/

Artigos relacionados

Back to top button