
Este xoves, 12 de maio, a Sala Alterarte do Campus de Ourense abre as súas portas a unha nova exposición: ‘Carpet diem’, unha mostra de arte urbana que asina a artista galega afincada nos EE UU, Paz de la Calzada, e que conta coa curadora Alumdena Fernández Fariña. Estará na cidade das Burgas ata o mes de agosto.
Os visitantes poderán descubrir un conxunto de obras únicas, pois a artista desenvolve un traballo que se move entre o debuxo site-specific, a instalación e a arte pública. É dicir, leva a cabo pezas de arte que se poden enmarcar na contorna urbana, onde constrúe labirintos con fragmentos de alfombras e moquetas recicladas.
Neste eido, o título da exposición trata de evocar a significación da expresión orixinal latina carpe diem -aproveita o momento- para apuntar ao uso e aproveitamento deste material de refugallo.
A Sala Alterarte inaugurará a exposición o próximo xoves. Acollerá os seus últimos traballos, onde mantén o uso de alfombras e moquetas recicladas pero, neste caso, os fragmentos desprázanse do chan á parede para compoñer murais.