
Na mañá deste luns 23 de agosto, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome e a concelleira de Termalismo, Flora Moure, recibían no Concello a Elvira Pérez, Enrique Camoeiras e Manuel Varela, da plataforma Amigos das Termas. Na xuntanza, o alcalde informoulles dos pasos que está a dar o Concello para adaptar os espazos termais á actual normativa. Tamén lles avanzou que o Concello de Ourense actuará nas áreas termais instalando unha nova sinalización, máis clara, destes espazos, e reordenará o acceso de vehículos ao aparcamento situado nas proximidades das Termas do Muíño. A vía de acceso pasará a ser de sentido único (Ourense cidade-Termas do Muíño), e suprimirase o dobre sentido de circulación actual. Esta modificación terá como finalidade evitar os problemas que ocasiona o encontro de dous vehículos que circulan en sentido contrario nunha vía estreita como esta.

O goberno municipal informoulles tamén de que o Concello segue a traballar para que as termas reanuden a súa actividade atendendo ás directrices determinadas pola Xunta de Galicia e pola Confederación Hidrográfica. Neste senso, o alcalde avanzou que a semana próxima comezarán obras menores de acondicionamento que incluirán a instalación de caudalímetros.