ConcellosO BarcoÚltima hora

Novena e misa cantada, na véspera do día grande das Festas de Santa Rita no Barco

Imaxe de Santa Rita, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Barco prepárase para vivir o día grande das Festas de Santa Rita. Neste domingo día 21, a misa previá á novena, que se celebrará como todos os días as 20 horas na igrexa que leva o nome da santa, estará cantada polo coro Banda Azul das ex alumnas de Las Madres Concepcionistas de Ponferrada. “Ao remate da eucaristía, celebrarase a ‘ronda a Santa Rita’ a cargo do mesmo coro”, adianta o párroco, destacando que “pagará a pena escoitalas participar”. Esta será a gran novidade deste ano no programa relixioso de Santa Rita, que terá no luns día 22 os principais actos.

A partir das 8 da mañá oficiaranse misas cada hora ata as 11. A procesión comezará unha hora despois (12h.) percorrendo diversas rúas barquenses (España, Marcelino Suárez, Santa Rita, Estación,…), e a imaxe da Santa Rita, esculpida polo artista barquense Xelo de Tremiñá, irá rodeada de rosas vermellas, como símbolo das que floreceron no seu horto durante o inverno.
Por iso, os fieis valdeorreses acuden coas mesmas flores á procesión e achéganse con elas á santa buscando a súa bendición e pedíndolle polos máis imposibles cometidos (por algo é coñecida como avogada dos imposibles).

É moita a devoción coa que se vive este día e numerosas persoas acompañan á comitiva que estará encabezada pola imaxe da Virxe e polos sacerdotes. Ao remate, xa de regreso na igrexa, terá lugar a misa concelebrada polos sacerdotes da Unidade Pastoral do Barco que presidirá este año Daniel Pérez Quintela, párroco de Rubiá e capellán do Hospital Público Valdeorras.

Máis información na edición en papel do Especial Festas de Santa Rita do Periódico O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button