Tras catro meses sen competición debido á crise do Covid-19, o piloto alevín barquense Leo Pérez Pereira volvía a correr. Neste caluroso domingo 19 de xullo tomaba a saída con moitas ganas e ilusión na segunda proba do campionato galego de karting, que se disputaba no circuíto da Madalena en Forcarei (Pontevedra).
Nas dúas carreiras desta cita, marcadas por unhas elevadas temperaturas de ata 35 graos co seu conseguinte efecto no asfalto, o valdeorrés lograba un cuarto e un terceiro posto, e acusaba o efecto do calor. Nisto tamén influía o retraso acumulado nas saídas das dúas carreiras, previstas inicialmente de mañá, e que remataban por celebrarse ás 14:45h. e ás 16:50h.
Aínda así, estes resultados asegúranlle manterse entre os primeiros postos da clasificación galega alevín, se ben cede, polo momento, o posto de líder que mantiña ata agora. “Agora mesma entre os primeiros pilotos da táboa é moi escasa a diferenza de puntos”, explica Julio Pérez, pai do piloto. A competición continuará para Leo Pérez en agosto, con dúas novas citas galegas.