
Rubén Castillo López, de 21 anos e natural de Ourense cidade, foi o gañador da selección do programa “Motor Futuro” da Deputación de Ourense, que levará a este xove piloto a participar nas cinco probas puntuables do Sandero Eco Cup Galicia dentro do Campionato Xunta de Galicia de Rallyes Recalvi.
Castillo foi o mellor piloto dentro dunha apaixoante selección celebrada no Circuíto de A Madalena, no Concello de Forcarei, que coma sempre brindou as súas instalacións para promocionar o deporte do automobilismo galego. Esta selección, cunha decena de pilotos, incluíu unha formación teórica na que os aspirantes aprenderon nocións de conducción segura, para despois afrontar as mangas de adestramentos e eliminatorias antes da final, á que chegaron catro pilotos.

Bruno Varela, Roi Sánchez, Álvaro Pérez e Rubén Castillo foron os máis rápidos nas rondas previas e xogáronse a unha carta ser piloto da Deputación de Ourense na tempada 2025. Aí, Castillo foi o máis rápido cun tempo de 1:57.181, superando en algo máis de dous segundos ao segundo clasificado Bruno Varela. Terceiro clasificado foi Roi Sánchez e cuarto Álvaro Figueira.
Desta forma, Rubén Castillo, que non ten experiencia no mundo do automobilismo deportivo, afrontará un programa deportivo completo na estructura técnica de PAST Autos Racing e coa colaboración da Federación Galega de Automobilismo. “Estou feliz de ter esta oportunidade que me dá a Deputación e quero facelo o mellor posible. Son consciente de que esto é un regalo e penso aproveitalo ó máximo atendendo as indicacións que me dean. Para min é un orgullo levar o nome de Ourense no Dacia e quero desfrutar deste ano que se presenta”, asegura o piloto.

A primeira parada do programa deportivo do novo piloto da Deputación de Ourense será os días 9 e 10 de maio con motivo do Rallye Mariña Lucense, primeira proba puntuable para a Sandero Eco Cup Galicia by Rodosa.



