
O rider rues Javier Fernández Quiroga segue sumado podios e trofeos ao seu palmarés. Desta subía ao terceiro chanzo no II Trofeo Federación DHI Manzaneda Bike Park celebrado a pasada fin de semana na Estación de Montaña Manzaneda, a proba que abría o calendario da Copa Galicia de Descenso.
Tal como explican dende a federación galega de ciclismo, as condicións atmosféricas acompañaron cun soleado día, “nada que ver co acontecido o pasado mes de novembro na primeira edición do evento organizado conxuntamente pola Federación Ciclismo Galego (FCG) e a Estación de Montaña de Manzaneda”, di, incidindo en que “grazas ao traballo técnico do staff do Manzaneda Bike Park, as corredoras e os corredores puideron desfrutar, e ao mesmo tempo padecer, o circuíto Cabra Calavera”.
O percorrido no que se celebraron as quendas clasificatoria e final presenta un importante compoñente físico. “Pedalexar é obrigatorio tanto no treito inicial como no final, unha esixencia superior á da maioría de probas de DH e que provocou que unha parte dos riders chegaran sen folgos á liña de meta”, din dende A FCG.

E entre os preto de 130 riders participantes, o rues Fernández Quiroga (Bicicletas Chinquena) era terceiro na categoría elite cun tempo de 03:18.207.
A cerimonia de podio contou coa presenza de Víctor Picos, director da Estación de Montaña; Miguel Sierra, tenente alcalde do Concello da Pobra de Trives; Clemente Pérez, responsable da Agrupación de Protección Civil de Manzaneda; e José Antonio Guerra e Juan González, voluntarios de Protección Civil de Manzaneda.
O certame autonómico volverá a escena o 5 de xuño no Páramo co VI Descenso DhgTeam e a seguinte cita co DHI en Manzaneda chegará o 10 de xullo no Campionato de Galicia. Antes, esta mesma fin de semana Javier irá ata preto de Chaves, para correr na 4ª Taça de Portugal de DHI en Boticas.